Solapas principales

Adxudícanse as obras de pavimentación da estrada de Eirapedriña por 157.300 euros

Jueves, 14 de marzo de 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de pavimentación da estrada do núcleo de Eirapedriña, pertencente á parroquia de Biduído. As obras foron adxudicadas á empresa Excavaciones Pose SL por un importe total de 157.300 euros (IVE incluído). O proxecto, incluído dentro do programa POS+ 2021 da Deputación da Coruña, engloba melloras en ata 1,7 quilómetros de capa de rodaxe, a ampliación da anchura do firme e a construción dunha senda peonil de 280 metros nun dos tramos.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa coa mellora dos viarios das parroquias que precisan ser acondicionados co obxectivo de mellorar o seu pavimento de rodadura, e por conseguinte a seguridade tanto para o tráfico rodado como para os peóns. Desta volta, a Xunta de Goberno Local adxudicou o pasado xoves, 7 de marzo, as obras de pavimentación da estrada do núcleo de Eirapedriña, pertencente á parroquia de Biduído. As obras foron adxudicadas á empresa Excavaciones Pose SL por un importe total de 157.300 euros (IVE incluído).

Este é o segundo expediente de licitación que houbo que tramitar de dito proxecto, debido ao incumprimento da primeira empresa adxudicataria. Unha vez adxudicado o contrato a empresa non executou as obras. Debido a dito incumprimento da empresa contratista, a Xunta de Goberno, o pasado 26 de outubro, aprobou resolver dito contrato asinado o 20 de decembro de 2022, por causa imputable á empresa Vías e Servicios Compostela SL. Ademais, debido a dita resolución de contrato, a Xunta de Goberno Local aprobou iniciar un expediente para a declaración de prohibición a dita empresa, pola resolución culpable do contrato.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “coa adxudicación desta obra en Eirapedriña continuamos cos arranxos dos interiores de núcleos do rural. Esta obra súmase á de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, que se atopa en proceso de licitación, ambas as dúas na parroquia de Bugallido. O concelleiro sinala tamén que “deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade, tanto nas zonas urbanas como no rural”.

Características do proxecto
A actuación inclúe reformas en 1.700 metros de estrada, dende o acceso a Framán ata o límite co concello de Brión. Na estrada principal, e ao longo dun treito de 950 metros ata o linde con Brión, procederase á mellora da pavimentación, cunha nova capa de asfalto e coa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico. Nun tramo de 125 metros tamén se ampliará a estrada cun ancho medio de un metro.

Ademais, no extremo norte deste viario executarase unha senda peonil de 280 metros de lonxitude e 2,3 metros de anchura, construída con saburra e pavimento de formigón. Para a contención da senda será preciso construír un muro de pedra granítica nun treito de 90 metros, que disporá dunha varanda metálica para a seguridade peonil. A drenaxe da plataforma de formigón levarase a cabo coa canalización e instalación de arquetas con sumidoiros e colectores con reixa.

Pola súa banda, na zona sur da actuación, na maior parte dun treito de 750 metros no ramal de acceso ao lugar de Framán, realizarase unha nova mellora de capa de rodaxe, desta vez estendendo o selado e o tratamento asfáltico superficial a toda a plataforma, previa reparación de fochancas.

Nesta mesma zona, nos primeiros 80 metros dende o cruce coa estrada de Eirapedriña, ademais destas actuacións ampliarase o ancho da plataforma en 50 centímetros a cada marxe, cun paquete de firme composto por capas de saburra, grava, e tratamento asfáltico semiprofundo, superficial e de selado. Esta mesma combinación empregarase para acondicionar a parte final do acceso a Framán, que na actualidade conta cun pavimento granular.

Para rematar as obras, procederase á correspondente sinalización horizontal e vertical, á limpeza das gabias existentes, co fin de garantir a correcta drenaxe do viario, e á reposición de catro postes de formigón con luminaria.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames volve a adxudicar a mellora da estrada de Eirapedriña"

Adxudícanse as obras de pavimentación da estrada de Eirapedriña por 157.300 euros

Multimedia

  • Adxudícanse as obras de pavimentación da estrada de Eirapedriña por 157.300 euros
  • Adxudícanse as obras de pavimentación da estrada de Eirapedriña por 157.300 euros
  • Adxudícanse as obras de pavimentación da estrada de Eirapedriña por 157.300 euros
  • Adxudícanse as obras de pavimentación da estrada de Eirapedriña por 157.300 euros