- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de saneamento e abastecemento nos lugares de Buceleiras e Guimaráns, actuacións incluídas no Ciclo Integral da Auga (CIA), á empresa Construcciones Iglesias Mera SL por un importe de 68.164,47 euros. As obras executaranse sobre unha superficie de 750 metros e faranse 15 pozos de rexistro en beirarrúa e 7 en calzada.
Para a execución do saneamento será necesario realizar dous cruces con topo na estrada DP-0205 Bertamiráns – A Ramallosa. A rede de saneamento (PVC Ø315 SN-4) abranguerá 750 metros. Previamente faranse as demolicións necesarias e a execución da gabia. Instalaranse 15 pozos de rexistro en beirarrúa e 7 pozos de rexistro en calzada.
Após de instalar a tubaxe, procederase ao recheo e compactación da gabia. O vertido desta rede realizarase nun pozo da rede xeral de saneamento. Igualmente procederase a instalación de 345 metros de tubaxe para abastecementos PEØ90 mm 16 atm., previa execución da gabia e posterior recheo e compactación. Faranse 3 arquetas para aloxamento de chaves que inclúan válvula de comporta, ventosa, válvula de baleirado e tapón.
Unha vez instaladas as redes, procederase á reposición dos pavimentos nas zonas necesarias. Nos camiños de saburra, aplicarase estendido e compactado de 12 centímetros de saburra artificial No treito de regas recargarase con 15 centímetros de grava, máis rega semiprofunda na zona da gabia e bacheo, con 10 centímetros de grava máis rega semiprofunda na zona do firme non afectada polas obras. Despois aplicarase rega superficial e selado en toda a anchura da pista. Ademais, no cruce en aglomerado, faranse 20 centímetros de pavimento de formigón máis 7 centímetros de aglomerado en quente.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García, explica que “seguimos apostando de maneira clara por dotar de servizos básicos ao rural de Ames”. Ademais engade que “con este novo saneamento damos servizo a varias vivendas destes núcleos que ata o de agora carecían deste servizo”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Adjudicadas las obrasde abastecimiento en Buceleiras y Guimaráns"