- Tematica
Todo está listo no Milladoiro para acoller a décimo terceira edición do festival Millarock, que se desenvolverá este venres 2 de agosto no anfiteatro do Milladoiro e no aparcadoiro da Travesía do Porto (en fronte da escola infantil). O evento, organizado polo departamento de Cultura de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, é xa unha das citas musicais consolidadas do concello, e naceu co obxectivo de promover o rock galego e de impulsar grupos emerxentes da contorna, combinándoos coas actuacións doutras bandas xa consolidadas. Nesta ocasión contarase coa Casa do Rock, Onda Dagda, Biribirlocke, Agoraphobia e Dakidarría. A entrada será libre e de balde.
Un ano máis, O Milladoiro convértese en punto de encontro para os amantes da música coa chegada do festival Millarock, que este ano alcanza a súa edición número trece. O evento, ao que se poderá acceder de xeito libre e gratuíto, continúa apostando pola música en galego, combinando bandas emerxentes con outras máis consolidadas.
Nesta edición, o festival tamén renova a súa imaxe, incorporando un deseño rompedor e colorido que se converterá na imaxe de marca deste evento musical. Haberá dous escenarios ao longo dun paseo musical: no anfiteatro do Milladoiro e no aparcadoiro da Travesía do Porto. Ademais, co obxectivo de achegar aos máis pequenos a paixón pola música rock, incluirá actividades que se realizarán ese mesmo día pola tarde, para fomentar entre a rapazada a afección e o gusto pola música rock en galego.
Así, o Millarock segue a ser unha das grandes apostas do Concello de Ames, que ao longo da historia do festival achegou ao municipio a música de grupos consolidados como Herdeiros da Crus, que conta cunha longa traxectoria; ou The Rapants, cuxa carreira se atopa nun momento de ascenso meteórico; así como de formacións que se crearon cando comezaba a desenvolverse o festival e que seguen en activo, como Familia Caamagno e Agoraphobia.
Cartaz do Millarock
Este ano vólvese a xuntar neste festival a destacadas bandas de rock galego, cun cartel no que se citan os grupos Dakidarría, Agoraphobia, Biribirlocke e Onda Dagda. Ademais, o persoal da escola A Casa do Rock encargarase dos concertos didácticos e da impartición de obradoiros musicais.
Deste xeito, as actividades darán comezo xa pola tarde no anfiteatro do Milladoiro, cun concerto didáctico ás 19:00 horas, e o obradoiro “Sube e Toca” ás 20:00 horas. Estas actividades estarán organizadas pola Escola A Casa do Rock. O persoal desta escola colaborará co achegamento aos clásicos do rock. A través dos seus formatos didácticos subirá ao escenario un concerto no que percorreremos os clásicos e os máis dignos representantes da cultura rock cunha proposta adaptada para o público máis novo.
De seguido, ás 21.00 horas, tamén no anfiteatro do Milladoiro, actuará o grupo amesán, Onda Dagda, que xa ten actuado recentemente en diversas galas organizadas polo Concello, así como no certame da Deputación da Coruña “Quero Cantar” no Teatro Colón. Estes rapaces e rapazas de Ames amosarán os seus temas e incribles versións revisitadas dalgúns clásicos que estamos seguros nos sorprenderán.
A partir das 22.00 horas o Millarock cambiará de escenario. Biribirlocke, Agoraphobia e Dakidarría actuarán no escenario montado no aparcadoiro da Travesía do Porto. Deste xeito, ás 22.00 horas sairá ao escenario Biribirlocke. O grupo amesán chega, despois dunha tempada en standby, cheo de forzas para volver a onde o deixaran e facernos bailar e desfrutar do seu directo. Son contundente cargado de ritmos enerxéticos e alegres apoiados nunha potente sección de ventos. Un directo marcado polos temas que teñen gravado como adianto do seu terceiro disco que está a piques de ver a luz.
Posteriormente, arredor das 23.15 horas será a quenda de Agoraphobia, que é unha banda de Boiro formada por Susana Saavedra (voz e percusión), Sabela Sampedro (guitarra), Paula Rego (batería) e Lucía Fernández (baixo) que volve neste 2024 co seu garaje rock, ritmos de distorsión profunda e potentes riffs que sacoden o rock alternativo.
Pechará o festival Dakidarría. Tras máis de 20 anos desde a súa formación e unha ampla bagaxe de discos e concertos, Dakidarría é un referente no panorama galego e estatal. O seu punto forte son os directos, atrevéndose tanto con salas pequenas como con grandes festivais. A agrupación musical retoma a estrada neste 2024 para descargar en cada escenario a emoción, a enerxía e a adrenalina que se desprende en “XX”, o seu novo disco en directo rexistrado en dous festivais emblemáticos; Revenidas e Castañazo Rock.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El Millarock inicia las fiestas de la Madalena en O Milladoiro"