- Tematica
A Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil contará un vehículo UTV con clasificación T1b, que se usará para vixiar os Camiños de Santiago ao seu paso por Ames. Tamén se empregará para realizar labores de asistencia en diferentes eventos municipais, especialmente no rural, buscar persoas desaparecidas e acudir en incendios forestais, entre outras labores. O concelleiro de Protección Civil, Blas García, destaca que “este novo vehículo é un premio máis para esta Agrupación de Voluntarios e Voluntarias polo seu traballo, xa que anualmente supera os máis de 1.000 operativos”.
O pasado mércores, 11 de novembro, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior resolveu no DOG a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes grazas ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Deste xeito, ao Concello de Ames asignóuselle un vehículo UTV (Utility Task Vehicle), que é un tipo de quad que será empregado polos voluntarios e voluntarias da Agrupación de Protección Civil.
O obxectivo desta adxudicación responde ao eixe 5 do programa co que se pretende promover a adaptación ao cambio climático e á prevención e xestión de riscos, así como fomentar o investimento para facer fronte a riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte a catástrofes desenvolvendo sistemas de xestión de catástrofes.
Nesta resolución, a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames, que leva activa dende 2017, benefíciase dun novo vehículo co que realizar o seu traballo. Trátase dun UTV (Utility Task Vehicle) con clasificación T1b, un vehículo tipo quad, que será usado para desenvolver diversas tarefas como controlar e vixiar os Camiños de Santiago ao seu paso por Ames, realizar labores de asistencia en diferentes eventos municipais, especialmente no rural, buscar persoas desaparecidas e acudir en incendios forestais, entre outras labores.
O concelleiro de Protección Civil, Blas García, destaca que “este novo vehículo é un premio máis para esta Agrupación de Voluntarios e Voluntarias polo seu traballo, xa que anualmente supera os máis de 1.000 operativos”. Ademais, asegura que “con este UTV mellorarase o servizo tanto con control e apoio a eventos, como posibles emerxencias no ámbito rural e urbano”.
Arredor de 800 accións no que vai de ano
A presenza da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil, tanto en actos e eventos municipais e cidadás, como en sucesos imprevistos é notoria desde a súa posta en marcha en Ames no ano 2017. Só desde o 1 de xaneiro deste ano 2020 e ata este mes de novembro , Protección Civil de Ames contabiliza arredor de 800 actuacións.
O colectivo interviu nestes meses en 74 accidentes de estrada, recolleu 70 animais soltos, prestou 2 asistencias sanitarias, actuou en 29 incidencias de circulación, fixo 196 operativos, atendeu 11 verteduras, estivo presente en 5 salvamentos de rescate, foi requirida nunha ocasión por forzas de seguridade e noutra para ofrecer información xeral e contabiliza 397 partes doutras incidencias, tais como incendios urbanos e forestais, vixilancia dos camiños de Santiago ao seu paso por Ames e apoio en labores derivadas da crise do coronavirus.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames incorpora un quad para vigilar sus rutas jacobeas"
Compostela 24 horas: "Protección Civil contará cun quad para realizar traballos de vixilancia nos Camiños de Santiago que pasan por Ames"