Solapas principales

A Agrupación de Protección Civil de Ames realizou preto de 800 servizos durante o ano 2023

Sábado, 18 de mayo de 2024

A AVPC de Ames fai balance do ano 2023, no que realizou 769 servizos. O ano estivo marcado pola adquisición de novos medios materiais e equipamentos, e a aposta continua pola formación das arredor de 30 persoas que conforman a agrupación local.

A Agrupación de Protección Civil de Ames mantivo o seu crecemento como grupo e a súa capacidade de actuación, aumentando os seus medios materiais e participando en numerosos operativos e eventos. O ano 2023 tamén estivo marcado polas colaboracións exteriores realizadas, preto de 20, moitas delas relacionadas con eventos deportivos e culturais. O número total de servizos alcanzou os 769.

O alcalde e concelleiro de Protección Civil, Blas García, valora de xeito positivo “o magnífico traballo dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames, os que cada ano, desde a súa fundación, están sempre dispostos a colaborar e axudar en calquera actividade municipal ou calquera emerxencia que xurda”.

Blas García engade que “é fundamental para este colectivo poder dispor da formación necesaria para atender todas aquelas incidencias ou operativos, por iso este Goberno decidiu apostar e apoiar a este grupo de persoas; e esta colaboración se vai a seguir mantendo de maneira continuada, non só nos orzamentos municipais, senón tamén en forma de agradecemento e valorando o seu traballo. Toda a cidadanía de Ames se debe de sentir orgullosa do equipo que forman os voluntarios e voluntarias de Protección Civil”.

Datos das actuacións realizadas en 2023
Durante o ano 2023, a AVPC realizou 185 operativos, 191 máis que o ano anterior. O período de maior actividade foi entre os meses de abril e setembro. Ademais, a Protección Civil de Ames atendeu 116 accidentes de tráfico e 23 incidencias de circulación. Neste senso, o mes con maior número de incidentes nas estradas foi decembro, con 17 accidentes, seguido de xullo, maio e xuño. Por outra banda, recolléronse 107 animais soltos, colaborouse en 5 asistencias sanitarias e 10 operacións de salvamento e rescate, e interviuse en 9 incidencias causadas por vertedura. A estas cifras súmanse 312 servizos máis en outras incidencias.

O presidente da Agrupación, Juan Pérez Crespo, destaca o traballo e mailo esforzo de todos e todas as voluntarias nos operativos que participan e tamén nos cursos de formación que participan. “Na actualidade un 50% dos nosos fondos están dirixidos á formación, como grupo debemos desenvolver a capacidade de integrarnos con calquera colectivo ou institución que precise do noso apoio loxístico. Agradecemos a todas as entidades que se prestan para formarnos, o que logo ao traballar con eles nos permite actuar cunha certa calidade”.

Novos medios materiais
Neste último ano a Protección Civil continuou adquirindo novos equipamentos e materiais, co fin de contribuír ao desenvolvemento do seu labor. Deste xeito, obtiveron un novo repetidor dixital para a base de Aldea Nova e un equipo de comunicacións de banda aérea para o seu uso na operativa con dron. Tamén ampliaron o seu material sanitario, adquirindo equipamento para unha nova caixa de auxilios completa, incluíndo un desfibrilador externo semiautomático.

Formación recibida e colaboracións
Na actualidade a agrupación local conta cun grupo consolidado de persoas voluntarias que ronda os 30 efectivos, que participan nun continuo proceso de formación a través de cursos e colaboracións con outras entidades. Neste senso, acudiron a oito cursos promovidos pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), relacionados cos labores básicos da Protección Civil, primeiros auxilios, organización de eventos, rescate en lugares de difícil acceso ou busca de persoas desaparecidas.

De xeito interno, formouse ás persoas aspirantes para incorporarse, ademais de contar con cursos de primeiros auxilios propios.

Obxectivos da AVPC para 2024
Este ano a Protección Civil de Ames ten como un dos seus principais obxectivos seguir aumentando a súa cifra de efectivos para atender con maiores garantías á veciñanza do concello. O outro gran pulo da AVPC é continuar coa súa actividade formativa, a responsable de que as persoas voluntarias se desenvolvan de xeito correcto nos diferentes operativos e servizos da Protección Civil.

Nova sede en Aldea Nova
O Concello de Ames comezou o procedemento administrativo para adquirir por 121.491,74 € un inmoble na urbanización de Aldea Nova para que se convirta na sede do servizo de Protección Civil. Este inmoble está situado xunto a Escola Municipal de Música.

A fórmula escollida para esta compra é mediante procedemento negociado sen publicidade, polo que a administración promotora do contrato pode realizar a adxudicación de forma directa. O proceso establece un prazo de dous meses para ultimar a operación, pero o prazo para a presentación de ofertas pechou a finais de novembro, polo que a adquisición quedará formalizada antes de que remate o ano.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La agrupación amiense de Protección Civil realizó cerca de 800 servicios el pasado año"

A Agrupación de Protección Civil de Ames realizou preto de 800 servizos durante o ano 2023