Solapas principales

Aínda estás a tempo de apuntarte no obradoiro de paz

Jueves, 20 de enero de 2011

[20-01-2011] Todos aqueles nenos e nenas que o desexen aínda teñen a posibilidade de inscribirse no obradoiro de paz que se desenvolverá o mércores 26 e o xoves 27 nas bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 22 de xaneiro. Durante o mes de xaneiro a Biblioteca Municipal de Ames fai xirar a súa programación arredor dun concepto tan importante como a paz, un valor para as xeracións máis novas que poderán aprender sobre esta ao longo destes días. Ademais haberá novas sesións de contacontos ao longo de toda esta semana. O lema da campaña é "Xaneiro: só tres letras, PAZ".

O 30 de xaneiro celébrase o Día da Paz. Con motivo desta celebración a Biblioteca Municipal de Ames fai xirar a súa programación de xaneiro arredor dun concepto tan importante como a paz, un valor para as xeracións máis novas que poderán aprender sobre esta ao longo destes días.

Concienciar aos máis novos sobre a importancia da paz é o obxectivo da programación de xaneiro da Biblioteca Municipal de Ames. Baixo o lema "Xaneiro: só tres letras, PAZ"os nenos e as nenas poderán asistir a unha serie de actividades de contacontos e obradoiros nas que aprender sobre a paz e a súa importancia, como un valor a transmitir ás xeracións máis novas.

As actividades de contacontos están orientadas a nenos e nenas maiores de tres anos. As sesións de contos comezaron onte no Local social de Augapesada e continúan hoxe no Local social de Bugallido. Mañá desenvolveranse na Biblioteca do Milladoiro e o xoves 20 na Biblioteca de Bertamiráns. Todas as sesións serán ás 18:00 horas.

A outra iniciativa nesta campaña pola paz é a celebración de dous obradoiros monográficos dirixidos aos cativos maiores de oito anos. Estes terán lugar ás 18:30 horas do mércores 26 na Biblioteca de Bertamiráns e o xoves 27 na Biblioteca do Milladoiro. Todos os nenos e nenas interesados en participar nestes obradoiros deben darse présa porque o prazo para inscribirse remata o 22 de xaneiro.

Nestes obradoiro faranse todo tipo de actividades, como poden ser un xogo de mesa con preguntas relativas á paz ou dar información aos nenos sobre figuras significativas na defensa da paz para que aprendan sobre elas. A inscrición para os obradoiros pode facerse ata o día 22 nas bibliotecas.

Ademais desta iniciativa pola paz, neste mes de xaneiro arrincarán as visitas escolares que se prolongarán ata o mes de maio. Estas visitas terán lugar en horario de mañá e serán anunciadas previamente na biblioteca, e poñerán en contacto aos nenos e nenas do concello con este centro de aprendizaxe e saber.