Solapas principales

Aínda estás a tempo de asinar para a creación da canle Xabarín na TVG

Martes, 26 de enero de 2021

Amplíase até o 2 de abril o prazo de recollida de sinaturas para apoiar o proxecto “Xabarín” da Mesa pola Normalización Lingüística. A proposta, que  se levará ao Parlamento de Galicia en forma de Iniciativa Popular, ten como obxectivo que a CRTVG aumente a programación infantil e xuvenil en galego. O departamento de Normalización Lingüística de Ames colabora coa iniciativa e recolle sinaturas nas súas oficinas do Pazo da Peregrina. Até o momento, até o momento firmaron a proposta ao redor de 300 veciños e veciñas. Tamén se pode asinar en outros establecementos de Ames.

Libraría “Lenda”, “Pixelin Foto”, “Petiscos Gastrobar”, O Zapateiro e “Mollos e Moios de Bertamiráns e a xoguetería “Pedra, papel e tesoira” do Milladoiro recollen tamén sinaturas para esta campaña de firmas coa que se pretende levar adiante unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular que inste ao goberno galego a tomar medidas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade. Aqueloutros establecementos de Ames que desexen unirse a iniciativa poden facelo escribindo un correo electrónico ao seguinte enderezo electrónico: xabarintv@amesa.gal.

A iniciativa parte da Mesa pola Normalización Lingüística e propón a creación dunha canle  “Xabarín”, con programación “atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos que conte ademais con programas e xogos.

A proposta insta asemade ao goberno galego a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e a TVE a emitir con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App. “O goberno galego -inclúe a proposta-  deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal, segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minorizadas.

“A iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística e fantástica e responde á demanda que moitas familias galegas levan facendo desde hai tempo. Moitos e moitas das que hoxe somos nais e pais, fomos “nenos e nenas Xabarín” e somos absolutamente conscientes do que a programación en galego da TVG daqueles anos fixo pola consolidación e valorización da nosa lingua. Hoxe, cando a competencia é maior, e as horas de contidos infantís e xuvenís en galego menor, faise máis necesaria que nunca esa canle que ofreza contidos atractivos en galego”, manifesta a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín.  

Precísanse 2.500 sinaturas
A Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular é un dos mecanismos contemplados na lexislación galega para a participación popular no impulso da acción de goberno. Para que se leve a cabo é preciso reunir un mínimo de sinaturas que serán debidamente certificadas pola Xunta electoral. Este é un proceso máis complexo que o que se levou a cabo cando se acadaron 15.000 apoios na web. Emporiso tamén ten maiores garantes de trámite parlamentar. Para conseguilo é necesario reunir o mínimo de 2.500 sinaturas  que fixa a lei.

Xabarín.

Multimedia

  • cartel xabarín.