Solapas principales

Alingua destaca figuras públicas como Touriñán, As Tanxugueiras, Ledicia Costas ou Davila como referentes no uso do noso idioma e levará as súas traxectorias ás aulas

Martes, 07 de noviembre de 2023

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos, continúa este outono coas accións programáticas de É túa. Pásaa!, campaña de difusión posta en marcha neste 2023 co obxectivo de promover e dinamizar en diferentes ámbitos o uso do galego. No marco desta iniciativa, Alingua lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de referentes dirixidos ao alumnado. Tamén presenta a Cartografía sensorial, un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade.

O Catálogo de referentes preséntase como un compendio en permanente medra onde se recollen figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día coma a súa traxectoria profesional. Este catálogo créase co fin de visibilizar os usos reais da lingua en ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten coa mocidade.

Esta guía dixital, que se pode consultar na web da Alingua a través desta ligazón, recolle máis de corenta figuras salientables clasificadas por 12 grandes áreas: comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías.

Na presentación participaron o alcalde de Ames, Blas García; a alcaldesa do Concello de Teo, Lucía Calvo; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e maila concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez. Así mesmo, asistiron ao acto Mónica González, concelleira da Baña, Ramón Varela, concelleiro de Carballo, Olalla Figueira, concelleira de Rianxo e Manuel Cobas, concelleiro de Rois.

O alcalde de Ames, Blas García, quixo en primeiro lugar “agradecer o traballo dos departamentos de normalización lingüística dos diferentes Concellos. Todas estas actividades e iniciativas que se levan a cabo non serían posible sen as técnicas e técnicos de normalización. A súa labor é imprescindible para promoción e a difusión do uso da lingua galega nos distintos concellos. Ames é un Concello que aposta polo galego como así demostra con todos e cada un dos programas que leva a cabo, como pode ser Galetiktokers ou os Premios Lingua e Empresa. Este ano estreamos o selo REGA, distintivo que recoñece a aquelas empresas que utilizan o galego como lingua vehicular no ámbito empresarial”.

De Davila a Tanxugueiras
Alingua enxalza como referentes da nosa fala a intérpretes como María Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos. Para completar o ámbito da creación artística, tamén se recollen as figuras de creadoras plásticas como son a pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana.

Máis aló do sector cultural, o Catálogo de referentes tamén glosa personalidades da ciencia (Iria Veiga, Sonia Villapol ou Xacobe de Toro), do deporte (Sechu López e Rocío García Eiras), da gastronomía (Lucía Freitas e Javi Olleros), da comunicación (Rodri Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez).

Completan o catálogo nomes das novas tecnoloxías (Iago Gordillo, Javi Boquete ou Verónica Bolón) e do activismo, representado pola performer Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba e as escritoras María Reimóndez e Nee Barros, tamén presentes no apartado literario pola súa obra. Todas as persoas presentes no catálogo aceptaron previamente participar nel e colaborar así coa asociación Alingua como unha vía máis de amosar o seu compromiso co idioma.

Guía didáctica
O Catálogo de referentes complétase coa guía didáctica É túa. Pásaa! que, baixo o subtítulo Con actividades e referentes para revolucionar o teu galego, pon á disposición do profesorado de centros de ensino de secundaria de toda Galicia co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada de entre 12 a 16 anos.

A guía didáctica que se atopa na web de Alingua, inclúe actividades multidisciplinares que, de forma transversal, se centran nos diferentes ámbitos nos que se clasifican os referentes. Así preténdese achegar ao alumnado a relevancia destas figuras que utilizan a lingua galega na súa vida cotiá e tamén nas súas creacións, investigacións, proxectos e reivindicacións.   

A guía didáctica está pensada para o seu aproveitamento desde diferentes materias con contido transversal no que lingua galega é canle de expresión, traballo e creación. Ademais, inclúe accións educativas que se poden levar a cabo tanto de xeito individual como por grupos que van desde as tradicionais sopas de letras até anovadoras posibilidades tecnolóxicas, como o deseño da túa propia app para móbil en galego. A guía achega tamén un apartado de recursos en liña para poder achar máis información e atopar material complementario na Rede.

Ademais desta guía, Alingua enviaralles aos centros de ensino dos municipios adheridos un cartel impreso para traballar e ampliar dende o colectivo os propios referentes do alumnado.

Cartografía sensorial
Como outra iniciativa deste outono, Alingua publica na súa web a chamada Cartografía sensorial. Trátase dun espazo virtual que recolle paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos que integran a asociación. Este reservorio dixital ofrece a posibilidade de personalizar postais para enviar en liña e tamén compartir fotografías que relacionan cada lugar cunha cor identificativa. Proponse con esta ferramenta un modo diferente de explorar diferentes contextos sociais e lingüísticos do noso territorio a través dos sons, das cores e da lingua.

Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, está conformada polos concellos da Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía da Arousa. Ademais, a Deputación de Pontevedra súmase a esta entidade  como integrante amiga.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Referentes do uso do galego e unha cartografía sensorial, novas apostas dos concellos de Alingua"

El Correo Gallego: "Alingua levará ás aulas traxectorias de referentes no uso do galego como Touriñán ou Tanxugueiras"

Lindeiros: "Presentadas as actividades do programa pola lingua É túa. Pásaa!"

Ames Go: "Alingua presenta o Catálogo de referentes da lingua galega"

Imaxe da presentación do Catálogo de referentes de Alingua

Multimedia

  • Imaxe da presentación do Catálogo de referentes de Alingua
  • Imaxe da presentación do Catálogo de referentes de Alingua
  • Imaxe da presentación do Catálogo de referentes de Alingua
  • Imaxe da presentación do Catálogo de referentes de Alingua
  • Imaxe da presentación do Catálogo de referentes de Alingua
  • Imaxe da presentación do Catálogo de referentes de Alingua