Solapas principales

"Altamira Brilla" inaugura o día 19 de setembro a primeira festa histórica da comarca da Maía

Jueves, 10 de septiembre de 2020

Durante todo o día 19 o programa "Altamira Brilla"  ofrecerá a posibilidade de participar nun abano de actos que inauguran a primeira festa histórica da comarca da Maía. A Deputación da Coruña, a través da súa área de Patrimonio, xunto cos Concellos de Ames e Brión promoven esta conmemoración que recupera a historia da Batalla de Altamira e pon en valor as Torres como ben monumental que foi escenario do acontecemento.

A presentación dun libro sobre as Torres de Altamira xunto coas accións que se van desenvolver arredor do monumento, unha recreación histórica e un concerto, serán algunhas das actividades da xornada de festa e convivio que se desenvolverán o vindeiro 19 de setembro, nunha conmemoración que se tivo que reprogramar debido á Covid-19 e que se celebra agora con aforo limitado, entrada anticipada e protocolos sanitarios adecuados.

A xornada dará comezo ás 12.00 horas no Restaurante Ponte Maceira, coa presentación do libro "A Batalla de Altamira" por parte das autoras, as historiadoras Mercedes Vázquez e María Pilar Rodríguez, ademais do arquitecto Mario Crecente, que dará conta das actuacións que está a preparar a Deputación da Coruña no monumento. A participación neste acto, no que tamén intervirá o concelleiro de Turismo do Concello de Ames, Manuel Lens, o deputado de Patrimonio, Xosé Luis Penas, e representantes do Concellos de Brión, será por convite dado o aforo limitado do espazo.

Pola tarde, ás 20.00 horas, a compañía teatral Os Quinquilláns representarán a batalla de Altamira, no propio escenario das torres, unha posta en escena á que seguira un convivio con bebidas e petiscos para os participantes antes de que o concerto de Baiuca poña fin ás 21.30 horas á primeira festa histórica da Maía. Para participar na festa será necesario  reservar a entrada previamente.

"Con esta conmemoración queremos botar a andar unha festa histórica que agardemos que teña unha longa vida e que o ano próximo se poida desenvolver sen as restricións que agora temos. Dende o inicio do mandato na Deputación da Coruña, foi o noso obxectivo a promoción, posta en valor e dignificación de todo o noso patrimonio e cultura e este día 19 damos comezo de xeito festivo a unha nova etapa nun emprazamento que non só e un símbolo para Brión senón para toda a comarca e todo o País", explica o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, que aposta por converter as Torres de Altamira en lugar de referencia patrimonial da Maía e recuperación da historia.

A concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral, destacou que este tipo de actividades “van a permitir dar a coñecer un importante episodio da historia de Galicia, que moitas persoas descoñecen ou teñen algo esquecido, pero que foi fundamental xa non só para a comarca da Maía senón para toda Galicia”. Así mesmo, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación da Coruña co Plan Director para este monumento pois “permitirá poñer en valor as Torres de Altamira”.

O concelleiro de Turismo do Concello de Ames, Manuel Lens, fixo fincapé durante o acto de presentación que “cos actos que imos a levar a cabo o próximo día 19 de setembro imos a poñer en valor un dos moitos acontecementos sucedidos no corazón da Maía, como é A Batalla da Maía, un acontecemento de moito calado, non so no noso val, senón a nivel de toda Galicia. Tamén se vai a dar a coñecer un dos monumentos máis esquecidos da comarca como son as Torres de Altamira, que foron o motivo desta loita e o centro de operacións da familia dos Moscoso durante moitos anos”.

Xestión de entradas
Debido á situación producida pola pandemia, o acceso ao recinto será en autobús que sairá ás 19.15h da Carballeira de Santa Minia e para participar na conmemoración será necesario mercar a entrada anticipada que incluirá a asistencia ás actuacións, petiscos e bebida, transporte ida e volta e o libro sobre a Batalla de Altamira. A entrada pode conseguirse en woutick.es.

Conmemoración histórica
A conmemoración celébrase en setembro, tres meses despois da data prevista que tivo que ser modificada pola pandemia. A previsión era iniciar a festa arredor do aniversario daquel día 13 de xuño de 1.471 en que aconteceu a grande batalla que tivo lugar ao pé das Torres de Altamira que o ano próximo chegará aos seus 550 anos de historia.

As Torres de Altamira están consideradas Ben de Interese Cultural e situadas nun espazo privilexiado que as converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construído no século IX sobre o que foi un castro celta, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1.471.
 
Posibelmente un incendio no século XVIII contribuiría ao deterioro do ben que a finais do século XIX foi utilizado como "canteira" para a construción.

A Deputación da Coruña mercou a propiedade en 1.973 iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres ademais dalgunhas ventás con arcos da reconstrución de 1.471.

Imaxe da presentación do programa de actividades de "Altamira Brilla"

Multimedia

  • Imaxe da presentación do programa de actividades de "Altamira Brilla"
  • Cartel do programa de actividades de "Altamira Brilla"