- Tematica
O IES do Milladoiro celebra o éxito da alumna, Ainhoa Díaz Pérez, na Gala de premios do Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais con motivo do 25 de novembro, convocado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. O cartel creado por Ainhoa destacou entre un gran número de propostas polo seu potente impacto visual e a profundidade da súa mensaxe, que invita á reflexión sobre a urxencia de erradicar a violencia machista. Dende o Concello de Ames danlle os parabén a Ainhoa polo premio acadado.
Ainhoa Díaz Pérez, alumnado do IES do Milladoiro, vén de ser galardoada co primeiro premio no Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais convocado polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Dito certame está organizado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. A gala de entrega de premios tivo lugar o pasado xoves, 21 de novembro, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, onde se valoraron os mellores traballos presentados nesta edición.
O cartel creado por Ainhoa destacou entre un gran número de propostas polo seu potente impacto visual e a profundidade da súa mensaxe, que invita á reflexión sobre a urxencia de erradicar a violencia machista. O xurado subliñou a orixinalidade, creatividade e compromiso social da obra, cualidades que reflicten o talento e os valores traballados no IES do Milladoiro.
O evento, organizado pola Consellería de Política Social e Igualdade, contou cunha ampla asistencia e combinou a entrega de premios con momentos de reflexión, nunha xornada especialmente emotiva. O cartel gañador estará exposto na pantalla do andar principal do centro de ensino amesán na semana en que se conmemora o 25N.
Desde o IES do Milladoiro, móstranse moi orgullosos de que unha das súas alumnas acadase dito premio e destacan a importancia de iniciativas coma esta, que unen arte, educación e compromiso social. Dende o Concello de Ames tamén lle dán os parabén a Ainhoa polo premio acadado.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Premian a unha alumna do IES do Milladoiro pola súa imaxe do 25N"