- Tematica
Xa se coñecen as regueifas premiadas na sexta edición do certame Enreguéifate, o proxecto de dinamización lingüística impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega. O 14 de abril terá lugar a entrega de premios. Será na Gala Enreguéifate-Regueifesta, un acto que vai celebrarse no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Na categoría escolar, o alumnado de 6ºA do CEIP Agro do Muíño levou o premio pola regueifa mellor cantada titulada “Rosalía”.
O xurado, composto por Socorro García Conde, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Santiago; Carme Pereiro, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Carballo; Manolo Maseda, profesor no IES do Milladoiro, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; tivo que valorar un total de 43 regueifas, 35 delas inscritas na categoría escolar e 8 na xeral. Poden verse todas na canle de Youtube e tamén na páxina web do certame.
Este foi o resultado das votacións:
Categoría Escolar
• A máis brava: Vivantistas de Dodro – “Interxerando”.
• A máis aguda: Alumnado de 2º B do CEP Xosé Neira Vilas - “A Neira Horta”.
• A máis diversa: Clase de 1º B do CEIP Quiroga Palacios - “Superheroes do cotián”.
• A máis reivindicativa: Regueifeirxs chairegxs – “Regueixornal”.
• A mellor falada: Uxía e María do Camballón - “A nosa lingua”.
• A mellor cantada: 6ºA CEIP Agro do Muíño – “Rosalía”.
Categoría Xeral
• A máis brava: Os e as regueifeiros de Compostela - “Tempo de notas”.
• A máis aguda: Iván e Aroa - “Regueifa da Adolescencia”-
• A máis diversa: Intercontinental - “Café con leite”.
• A máis reivindicativa: Arrieiro e Chaminho - “A regueifa pedra Angular- freestile”.
• A mellor falada: Escola de regueifa de Carballo - “Fachenda da nosa terra”.
• A mellor cantada: Chámame lexión - “Regueifa co espello”.
O 14 de abril terá lugar a entrega de premios. Será na Gala Enreguéifate-Regueifesta, un acto que vai celebrarse no Auditorio de Galicia, en Compostela, e que suporá un final de festa conxunto dos dous proxectos educativos. Reunirá un milleiro de persoas, entre escolares e alumnado improvisador chegado de diferentes puntos de Galicia e de centros educativos de Euskadi e Cataluña. Conducida por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Olalla Liñares, a gala será unha viaxe polo mundo da improvisación oral en verso, na que tampouco faltará a música en directo.
Enreguéifate 2022-23
Enreguéifate é un proxecto de dinamización lingüística impulsado polos departamentos de Normalización Lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.
O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para o profesorado e para o alumnado, con máis de 80 obradoiros de improvisación oral e regueifa impartidos en centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo.