- Tematica
Dende este venres 26 de agosto e ata o domingo 28 de agosto a parroquia da Ameixenda celebra as festividades na honra de Santa Mariña. Durante os vindeiros días haberá misas e procesións, verbenas e sesións vermú. Estas festas contan coa colaboración do Concello de Ames, así como da Xunta de Galicia a través do programa Cultura no Camiño.
A parroquia de Santa Mariña da Ameixenda comeza este venres 26 de agosto as festas na honra da súa patroa, Santa Mariña. As celebracións estenderanse ata o domingo 28 de agosto e vanse desenvolver no campo da festa da parroquia amesá.
Durante a primeira xornada das festividades desenvolverase unha misa solemne na honra da Virxe das Dores e da Santa Mariña a partir das 13:00 horas. A continuación sesión vermú co “Trío Alborada”. Xa pola noite a veciñanza poderá gozar dunha verbena a cargo do “Trío Alborada” e da orquestra “Nueva Fuerza”, que chega dende As Palmas de Gran Canaria para facer vibrar á veciñanza cos seus ritmos latinos.
As festas continuarán o sábado 27 ás 13:00 horas cunha misa cantada polo coral “Santiago Apostol” na honra do Santísimo Sacramento. A continuación haberá pasarrúas co grupo tradicional “Os Retranqueiros”, esta actuación é froito da colaboración da Concellaría de Cultura coas comisións de festas a través do programa “Música nas parroquias”. A sesión vermú rematará coa actuación do “grupo Fussion”, un grupo que comezou en 2015 e que destaca pola forza e a enerxía que desprende sobre os escenarios. Xa pola noite, actuará a orquestra “Cinema” dentro da súa xira 2022 #haz posible lo imposible e, de novo, o “grupo Fussion”.
Por último, o domingo 28 pecharanse as festas cunha nova misa na honra da Virxe do Rosario. De seguido, pasarrúas co grupo tradicional “Os Retranqueiros”, tamén no marco do programa “Música nas parroquias” e sesión vermú co grupo “Soprano”. O fin de festa virá da man do grupo “De Vacas” que vai actuar ás 20:00 horas e a continuación grupo “Soprano”. Haberá inchables durante toda a xornada.
Actuación do grupo “De Vacas”
“De Vacas” está formado polas voces de Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e a guitarra de Guillerme Fernández. Destacan por facer versións de grandes hits adaptándoas á lingua e á idiosincrasia galega. Deste xeito, son coñecidas polo seu “Amodiño”, versión do popular “Despacito” de Luís Fonsi ou polo “De noite e de día” de Enrique Iglesias. Nesta xira 2022, “De Vacas” sorprendeu versionando “Ateo” de C. Tangana e Nathy Peluso con un tema sobre o Xacobeo ou facendo a súa propia versión do eurovisivo “SloMo” de Chanel.
O grupo “De Vacas” actuou por toda Galicia e xirou por parte importante da península percorrendo cidades como Madrid, Valencia, Euskadi, Murcia, Andalucía, Asturias, Castela e León ou Portugal. Ademais, foron espectáculo musical recomendado na Rede Española de Teatros e Auditorios no ano 2019, gañaron o Premio Territorio Violeta na Feira de Teatro de Ciudad Rodrigo no ano 2018 e gañaron os Premios Martín Códax da Música, na categoría de Coros e Música Vocal no ano 2016.
Colaboración da Concellaría de Cultura
O concerto de “De Vacas” forma parte do programa “Ames Cultural”, unha programación moi variada que inclúe 26 actividades de cine, teatro, maxia e música de estilos moi variados. Nesta programación están incluídos os festivais de Jazz de Ames e mailo Millarock, así como outros programas como os Seráns de Ames e Música nas parroquias. Destacan tamén os concertos de Seguridad Social ou o de Sés, todos eles programados dende a Concellaría de Cultura.
Ademais, o concerto forma parte do programa da Xunta de Galicia, Cultura no Camiño. Un programa que entre os meses de abril e setembro percorreu un total de 103 concellos situados nas diferentes rutas xacobeas de Galicia. Faino cunha carteleira de 342 actuacións escénicas e musicais protagonizadas por 146 formacións artísticas galegas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Festas por Santa Mariña na Ameixenda ata o 28"
Enfoques: "A Ameixenda, en Ames, celebra desde este viernes las Festas de Santa Mariña"