Solapas principales

Ames acende o Nadal este sábado 7 de decembro

Viernes, 06 de diciembre de 2024

Este sábado, 7 de decembro, ás 18.00 horas, na praza do Concello, en Bertamiráns, está previsto que se celebre o tradicional acto de acendido das luces de Nadal. Actuarán arredor de 40 alumnos/as da Escola Municipal de Música e membros da asociación Arcea-Adames. Ademais, haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. As persoas encargadas de premer o botón de acendido do alumeado será desvelado no propio acto entre os presentes. As luces de Nadal estarán acendidas en horario de 18.00 a 02.00 horas dende este sábado, 7 de decembro, ata o día 6 de xaneiro (incluído).

A programación de Nadal do Concello de Ames arranca este sábado, 7 de decembro, co tradicional acto de acendido das luces de Nadal, que se levará a cabo na praza do Concello, en Bertamiráns, a partir das 18.00 horas. O acto contará coa actuación de arredor de 40 alumnos/as da Escola Municipal de Música e dos integrantes da asociación Arcea-Adames.
O alumnado da EMMA vai cantar o tema Vai Nevar xunto aos integrantes da asociación Arcea-Adames. O alumnado de canto, linguaxe musical e combo interpretará Xa é Nadal. Por último, Candela Caamaño (voz), Emma Pérez (piano), Alicia Mosqueira y Cristina Fábregas (violíns) interpretarán Snowman.

Ademais, os asistentes poderán desfrutar coa tradicional degustación de chocolate con churros. As persoas encargadas de premer o botón de acendido do alumeado será desvelado no propio acto entre os presentes.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima a veciños/as e visitantes “a participar neste tradicional acto do alumeado de Nadal co que o Concello de Ames, un ano máis, comeza coa programación de Nadal. Trátase dun acto sinxelo pero no que se poderá gozar das actuacións do alumnado da EMMA e dos integrantes de Arcea-Adames, así como da degustación dun chocolate con churros”.

Alumeado de Nadal
Instaláronse máis de 140 elementos decorativos para iluminar prazas e rúas por todo o concello. En cada parroquia do rural colocouse como mínimo un elemento decorativo. Entre ditos elementos hai máis de 100 arcos decorativos e outros elementos decorativos como unha árbore artificial iluminada de 15,5 metros na zona de estacionamento da rúa Agro do Medio, no Milladoiro, onde se atopa o SuperCor; e unha bola xigante de 5,5 metros de diámetro na praza da Madalena, tamén no Milladoiro.

Ademais, colocouse unha “A tridimensional” de Ames de 2,5 metros de alto na praza do Concello; e un motivo luminoso co número 2025 de dous metros de alto na praza da Maía, en Bertamiráns. Tamén se instalou unha manta de luces que se colocou como se fose un teito de luces na rúa Anxeriz do Milladoiro. Este ano como novidade colocáronse diferentes elementos decorativos, elaborados con material de refugallo, na entrada do parque empresarial do Milladoiro.

As rúas que disporán de decoración son aquelas que concentran un maior número de paseantes, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. As prazas, os farois e as fachadas dos principais edificios municipais engalanaranse tamén para as festas. Así mesmo, as persoas que visiten os principais núcleos urbanos serán recibidas e despedidas con mensaxes de Boas Festas, que se situarán nas entradas e saídas dos principais tramos municipais.

O alumeado permanecerá acendido en horario de 18.00 a 02.00 horas dende este sábado, 7 de decembro, ata o día 6 de xaneiro (incluído).

Ames acende o Nadal este sábado 7 de decembro

Multimedia

  • Ames acende o Nadal este sábado 7 de decembro