Solapas principales

Ames acolle do 16 ao 19 a sexta edición do festival internacional de cinema infantil "Cinema Miúdo"

Martes, 14 de noviembre de 2023

Xa está todo preparado para que do 16 ao 19 de novembro os auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollan a sexta edición do festival internacional de cinema infantil "Cinema Miúdo". O xoves 16 e mailo venres 17 pola mañá faranse as sesións escolares. Nesa edición, por primeira vez, haberá sesións escolares para mozos e mozas que cursan secundaria. Do venres, 17 ás 17.00h, ata o domingo 19, ás 20.00 horas, desenvolverase a selección oficial de Axóuxeres e Buxainas, así como o obradoiro Make a Remake e mailo peliculón Oink, oink! Ademais, este ano como novidade inclúese unha sesión especial fóra de concurso pensada para ser compartida entre avoas e avós e as súas netas e netos con traballos que xiran arredor da familia. As entradas están dispoñibles na Billeteira electrónica. Ata o de agora vendéronse 126 abonos e quedan 5 prazas para o obradoiro Make a Remake.

Entre o 16 e o 19 de novembro as nenas e nenos de Ames e do resto de Galicia teñen unha cita co mellor do cinema infantil producido no mundo no último ano. Isto é grazas á celebración de Cinema Miúdo, o festival do sétimo arte especialmente dirixido á cativada, no que a proxección de curtametraxes combínase con obradoiros creativos, actividades para escolas, sesións especiais e actuacións de música, circo e maxia. Catro días de programación pensada para brindar ás nenas e nenos a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo a través do cinema. O seu obxectivo desde 2017 é formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “se trata dun festival xa asentado na programación municipal que vai medrando tal e como demostra o feito de que en 2022 incrementou o público nun 50 % respecto ao ano 2021. Ademais, Cinema Miúdo comeza a ter un nome na península ata o punto de que Cinanima, o festival de animación máis importante de Portugal, ten este ano unha sesión de Cinema Miúdo. O festival Cinema Miúdo está adherido ao Pacto Cultura Sustentable que difunde, defende e avoga pola redución e control de consumos nos eventos culturais, así como políticas de igualdade e sustentabilidade”.

Selección oficial, o mellor do cinema infantil internacional
A selección oficial está dividida en dous bloques por idades: axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e buxainas, para maiores de 7. Está formada por curtametraxes internacionais inéditas e complicadas de atopar nas plataformas que espertan nas xeracións máis novas empatía e a vontade de descubrimento cara outras culturas. Nesta sexta edición crece o número de curtametraxes seleccionadas, de 35 en 2022 a máis de 60. Os bloques Axóuxeres e Buxainas serán proxectados o venres pola tarde, sábado todo o día e domingo pola mañá.

Nesta sexta edición a programación xirará arredor das familias, facendo fincapé na súa diversidade e amosando familias de todo tipo e de varias partes do mundo. As curtas da selección oficial compiten por alzarse cos premios do xurado e o público e serán as nenas e nenos ás que, cos seus votos ao finalizar cada sesión, decidan os filmes gañadores. Cinema Miúdo repartirá máis de 1.400 euros en premios.

A hora dos avós
Ademais dos bloques a concurso, Cinema Miúdo conta con sete actividades paralelas que enriquecen e completan a experiencia de acudir ao primeiro festival para moitas nenas e nenos galegos. Por unha parte, contarase cunha sesión especial fóra de concurso pensada para ser compartida entre avoas e avós e as súas netas e netos con traballos que xiran arredor da familia.

El Meu Primer Festival, certame convidado
Como xa ocorreu na anterior edición Cinema Miúdo, o domingo pola tarde proxectarase a Colleita de cinema galego, unha sesión destinada a amosar traballos feitos en Galicia. Outras das sesións de proxeccións especiais será a elaborada por El Meu Primer Festival, na que o certame catalán, o máis reputado de España, confeccionou unha sesión cos mellores traballos da súa última edición para o público de Cinema Miúdo.

O peliculón: ‘Oink, oink!’
A longametraxe de animación dos Países Baixos é o “peliculón” escollido para esta sexta edición. Unha cinta que combina amor polos animais e a familia con chistes escatolóxicos, elaborada mediante a técnica stop motion. A protagonista da historia é unha nena de 9 anos que recibe como agasallo do seu avó un pequeno porco chamado Oink e convence aos seus pais de quedar con el coa condición de adestralo. O porquiño cambiará a súa vida e a de todos na súa familia ata que as cousas empezan a complicarse de maneira inesperada.

Obradoiro Make a Remake
Unha das actividades máis demandadas desde o nacemento do certame son os obradoiros prácticos, que permiten á rapazada vivir a maxia do cinema como creadores. Este ano celébrase o taller Make a Remake, de creación de escenografías dentro dunha caixa de cartón, dando lugar a un diorama.

O obradoiro está recomendado para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos. Constará de dúas quendas con 15 prazas cada unha: sábado, 18 de novembro, de 11.00 a 12:30h na Casa da Cultura de Bertamiráns, e domingo, 19 de novembro, de 11.00 a 12:30h na Casa da Cultura do Milladoiro. A actividade é gratuíta, pero require de inscrición previa enviando un correo electrónico ao enderezo actividades@cinemamiudo.gal indicando nome, idade e teléfono. Na actualidade quedan 5 prazas libres, polo que as familias que estean interesadas deben darse présa en inscribir aos seus fillos/as.

A proposta, ideada por Iria e Ángel de Estudio ia! consiste en crear escenografías en multiplano, tomando como referencia os traballos do cineasta Lotte Reiniger. Para construílas, as persoas participantes partirán dun amplo surtido de referencias e personaxes de filmes coñecidos. A través do xogo, a composición e a recontextualización crearán un novo universo, materializando dioramas dentro dunha caixa de cartón. Un xeito lúdico de achegar ás nenas e nenos á arte da composición e a escenografía a través dunha actividade divertida e creativa.

Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace no concello de Ames en 2017. O festival quere proporcionar ao público miúdo a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

A produtora Abella está detrás da programación e produción desta sexta edición. A empresa galega traballou en varias das edicións e asumiu a xestión integral do evento o ano pasado, no que aplica a súa experiencia á fronte doutros festivais de cine como o Galician Freaky Film Festival ou o Primavera do Cine. Tamén repite a autora do cartel, Srta. Doti, que de novo logra unha imaxe atractiva e sinxela que expresa imaxinación e paixón polo cinema a calquera idade.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Sesenta cortometrajes de todo el mundo compiten este fin de semana en Cinema Miúdo Ames"

Cartaz cos horarios de Cinema Miúdo

Multimedia

  • Cartaz de Cinema Miúdo 2023