Solapas principales

Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”

Viernes, 25 de octubre de 2024

As Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollen este venres, sábado e domingo o XIX Festival internacional de Maxia de Ames. Este festival, organizado polo Concello de Ames en colaboración da Deputación da Coruña, conta cun programa repleto de espectáculos e obradoiros dirixidos a todos os públicos. Este ano como novidade inclúese na programación un photocall máxico, unha sesión de maxia para maiores, e outra para bebés para a que xa están esgotadas as entradas. Quedan entradas dispoñibles para a última sesión da gala máxica internacional, o domingo 27 de outubro ás 19:30 horas en Bertamiráns. Tamén queda algunha praza dispoñible para os obradoiros de maxia. As entradas pódense adquirir na Billeteira electrónica.

Xa está todo preparado para unha das actividades culturais que máis expectación xeran entre a veciñanza amesá. Trátase do XIX Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax”, que se desenvolverá os días 25, 26 e 27 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Premendo nesta ligazón pódese consultar o programa do festival ao completo.

Na actualidade só quedan entradas dispoñibles para a última sesión da Gala Máxica Internacional, que se poden adquirir a través da Billeteira electrónica. Tamén quedan algunhas prazas libres para a sesión das 11:00 horas do obradoiro de maxia que se impartirá no Milladoiro. Os convites para o espectáculo de maxia para bebés “Patapún” están esgotados.

Maxia para todos os públicos
A programación do FestiMax está composta por catro grandes espectáculos que se van a realizar os días 25, 26 e 27 de outubro. As actividades comezaron hoxe cunha das principais novidades desta edición. O mago galego Dani Polo, gañador de múltiples premios e presente nos principais festivais máxicos de Europa, levará a ilusión aos maiores do concello en dúas sesións: a primeira foi no local dos maiores de Bertamiráns, ás 11:00 horas; mentres que a segunda será no local da asociación JUPEMI no Milladoiro, ás 17:30 horas.

Outra das novidades deste ano é o espectáculo de maxia para bebés, no que o Mago Paco presentará a súa proposta “Patapún”. Así, este especialista en maxia infantil propón un espectáculo divertido e visual para os máis cativos. Haberá dúas sesións na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 25, unha ás 17:00 horas e outra ás 18:15 horas. Esta actividade está dirixida a crianzas entre 1 e 4 anos, e poderán acudir un máximo de dous adultos por neno/a. Os convites para ver este espectáculo están esgotados.

O Baúl da maxia
Tamén o venres, 25 de outubro, a partir das 18:00 horas, na praza de Chavián haberá varios pases de “maxia de proximidade” para grupos reducidos a cargo da maga arxentina Lore Lavand na súa caravana máxica. Os pases serán cada media hora, entre as 18:00 e as 20:30 horas. Só haberá 20 persoas por pase, e o acceso será por orde de chegada.

Obradoiros de maxia
Outra das actividades que se realizan este ano serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Así, o sábado 26, o mago Paco impartirá un taller de maxia na Casa da Cultura do Milladoiro. Formaranse dous grupos de 12 participantes cada un. A primeira sesión farase ás 11:00 horas e a segunda a continuación, ás 12:00 horas.

O domingo 27 este mesmo obradoiro impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén será impartido polo mago Paco en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:00 horas, e formaranse dous grupos con 12 nenos/as en cada un.

Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal. En dito correo hai que poñer o nome, apelidos e idade da persoa que quere participar no obradoiro de maxia, e un número de teléfono de contacto. Aínda quedan algunhas prazas libres para a sesión das 11.00 horas do obradoiro de maxia que se impartirá no Milladoiro. As prazas da sesión das 11:00 horas en Bertamiráns e das sesións das 12.00 horas están esgotadas.

Photocall máxico
Outra das novidades desta edición é un photocall máxico, que actualmente está instalado na Casa da Cultura do Milladoiro. As persoas que acudan a ver algún espectáculo ou participar nos obradoiros de maxia poderán facer unha foto. Trátase dun sofá no que as persoas que o desexen poderán facer unha foto seguindo as instrucións que estarán colocadas xunto a dito sofá.

Gala máxica internacional
A Gala máxica internacional farase tamén o sábado 26 e mailo domingo 27 de outubro. Como nos últimos anos haberá catro pases debido á gran demanda que ten este espectáculo entre a veciñanza amesá. A Gala estará presentada polo mago Migue e participarán os magos Nacho Samena (Galicia), Ramó & Alegría (Cataluña), Bruno Tarnecci (Perú) e Néstor Hato (Francia).

Así, o sábado 26 realizarase o espectáculo Experiencia Máxica na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que o domingo 27 de outubro desenvolverase o espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ambos días a primeira función será ás 17:00h e a segunda ás 19:30 horas. Na actualidade aínda quedan algunhas entradas para a última sesión da Gala Máxica Internacional, o domingo 27 ás 19:30 horas, que se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.

Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”

Multimedia

  • Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”
  • Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”
  • Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”
  • Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”
  • Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”
  • Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”
  • Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”
  • Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”