Solapas principales

Ames acolle este domingo, 8 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2020

Lunes, 02 de marzo de 2020

A segunda proba do circuíto Transgalaica 2020 celebrarase este domingo, 8 de marzo, no concello de Ames. O circuíto está composto por catro probas. A primeira realizouse o 23 de febreiro en Cerdedo-Cotobade. As dúas probas restantes desenvolveranse na Estrada e Silleda. Esta mañá tivo lugar a presentación da quinta edición desta proba que se realiza en Ames, grazas á iniciativa do Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós e que conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase ás 9:30 horas dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición remata este mércores, 4 de marzo, ás 23:59 horas. As inscricións pódense realizar en www.magmasports.es.

Esta mañá fíxose a presentación da proba do circuíto Transgalaica que se vai a desenvolver no termo municipal de Ames este domingo 8 de marzo. A presentación correu a cargo da concelleira de Deportes, Susana Señorís, o secretario do Club Ciclista Os Esfola Arrós, Jorge Pérez, e mailo técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño. Premendo nesta ligazón podes descargar a guía do ciclista da Transgalaica de Ames 2020.

Deste xeito, o Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós, xunto co Concello de Ames, organizan por quinto ano consecutivo unha proba da Transgalaica. Esta proba, que pertencente á modalidade de ciclismo de montaña XC-Maratón, discorre por un circuíto de 35 quilómetros ao que haberá que dar dúas voltas completando un total de 70 quilómetros. Tamén se poderá participar como cicloturista. Neste caso terán que inscribirse na proba completa, aínda que despois teñen a opción de dar unha volta ao circuíto ou dúas e completar a proba enteira.

Este ano o circuíto desta proba introduce varias novidades respecto ás edicións anteriores. Así os/as ciclistas pasarán pola urbanización de Aldea Nova, e cruzarán o campo de golf do Real Aeroclub de Santiago. A saída estará instalada na avenida de José Luís Azcárraga, diante do Pazo da Peregrina. Unha vez efectuada a saída os/as participantes dirixiranse cara a urbanización de Aldea Nova, Ventosa, Proupín, monte de San Marcos, Alto de Liñaredo, instalacións do Real Aeroclub de Santiago, para despois baixar cara Piñeiro, monte de Liñaredo, ruta dos muíños de Riamonte, Lamas, Augapesada, Pousada, e Bertamiráns, ata chegar de novo ao Pazo da Peregrina.

Poderán participar todos os corredores con licenza en vigor da tempada 2020 e aqueles que tramiten licenza de 1 día (o custo da licenza de 1 día é de 10 euros e só se poderá tramitar ata 48 horas antes da proba).

Inclúese no circuíto unha zona espectáculo
O secretario do Club Ciclista Os Esfola Arrós, Jorge Pérez, explica que “este ano introducíronse varios cambios no trazado do circuíto co obxectivo de potenciar outros lugares do concello e incrementar o paso por sendeiros e camiños de monte. Deste xeito pasarase pola urbanización de Aldea Nova e cruzarase o campo de golf do Real Aeroclub de Santiago, lugares que nas edicións anteriores non eras transitados. Ademais, pasarase polo famoso muro do alto de San Marcos, un dos lugares máis espectaculares do circuíto pola dificultade que ten para os/as ciclistas e polo gran número de afeccionados que se xunta neste lugar para ver a proba. Outras das zonas máis espectaculares do percorrido é a ruta de muíños de Riamonte que conta cunha gran beleza natural e ambiental”.  

As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (júnior, S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (júnior, S23, elite e máster) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). O prazo de inscrición remata este mércores, 4 de marzo, ás 23:59 horas. As inscricións pódense realizar en www.magmasports.es. Para os non federados o custo é de 26 euros (16 euros de inscrición + 10 euros pola licenza de 1 día), mentres que os federados teñen unha cota de inscrición de 16 euros.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceulle “ao club Os Esfola Arros tanto a organización desta proba, como das demais que realizan ao longo do ano, e que dende o Concello apoiamos como non pode ser doutro xeito. Xa é unha proba consagrada no calendario deportivo de Ames, xa que se vai a desenvolver a quinta edición de dita proba. Este ano fixéronse algunhas variacións no circuíto, que aínda vai a dar máis emoción se cabe ao percorrido. Animar aos/ás afeccionados/as a este deporte que se inscriban nesta proba e á veciñanza de Ames que goce deste evento deportivo e volva a saír á rúa para ver este espectáculo do BTT”.

A proba comeza ás 9:30 horas
O inicio da proba está programado para as 9:30 horas. Un cuarto de hora antes configurarase a grella de saída. A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A maiores establecerase unha clasificación por categorías para a cal puntuarán os 25 primeiros de cada categoría. A entrega de trofeos realizarase aproximadamente ás 13:30 horas.

Por motivos loxísticos e de seguridade establécese un control de paso no quilómetro 32 da proba. Os participantes que non pasen por el antes de 2h15' deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto. A primeira proba da Transgalaica 2020 tivo lugar o pasado 23 de febreiro nos concellos de Cerdedo e Cotobade. A segunda proba do circuíto é a que se desenvolve en Ames. As dúas probas restantes desenvolveranse na Estrada e Silleda.

Presentación da proba de Ames do circuíto Transgalaica 2020

Multimedia

  • Presentación da proba de Ames do circuíto Transgalaica 2020
  • Cartel da proba de Ames do circuíto Transgalaica 2020