- Tematica
Mañá martes, 18 de abril, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá unha nova sesión da iniciativa “Abril de cine”, que busca achegar diversas pezas audiovisuais do cine galego e nacional á veciñanza amesá. Desta volta proxectarase a película “As bestas”, multipremiada na última edición dos Goya. Será ás 20:00 horas. As entradas poden adquirirse premendo nesta ligazón.
“As bestas”, dirixida por Rodrigo Sorogoyen, baséase en feitos reais, e conta como a chegada dunha parella francesa a unha case deshabitada aldea inicia unha disputa veciñal que remata en traxedia. No filme, Antoine e Olga instálanse no interior de Galicia, onde levan unha vida tranquila a pesar da complicada convivencia cos lugareños, ata que, un día, un conflito cos irmáns Anta pola venda dunhas terras termina en traxedia.
A película é unha ficción inspirada nunha historia real, a de Martin Verfondern, un holandés que se mudou á aldea de Santoalla xunto coa súa muller, Margot, 1997. A aldea só estaba habitada por eles dous e pola familia Rodríguez. A convivencia entre ambos foi cordial ata a chegada dunha oferta dunha compañía eléctrica, que lles ofreceu a ambos ata 6.000 euros por cada un dos muíños que se puidesen instalar nos seus terreos. A negativa de Verfondern a vender o monte comunal non foi ben recibida pola familia Rodríguez, á que se lle atribuíron ameazas e agresións conta o veciño holandés.
O filme foi o gran triunfador dos Premios Goya 2023. Das súas 17 nominacións, logrou facerse con 9 galardóns: mellor actor de reparto (Luis Zahera), mellor son, mellor dirección de fotografía, mellor montaxe, mellor música orixinal, mellor guión orixinal, mellor actor protagonista (Denis Ménochet), mellor dirección (Rodrigo Sorogoyen), e mellor película.
As entradas para a proxección, que terá lugar mañá martes, ás 20:00 horas, xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Peche do “Abril de cine”
O programa pecharase coas curtas La entrega e Solpor, que se emitirán o 25 de abril. A primeira narra a historia dun ancián cuxo único contacto co exterior é a través dun rider que lle entrega os pedidos xestionados polo seu fillo dende o estranxeiro. O seu director, o amesán pedro Díaz, participará nu coloquio cos asistentes ao rematar a proxección. Solpor, pola súa banda, fai un repaso pola vida dun home que, tras perder o seu traballo e distanciarse da familia, comeza a carecer de recursos e debe restablecer o control da súa vida.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "A multipremiada 'As bestas' proxéctase mañá en Ames"