- Tematica
Ao igual que en 2022 o concello de Ames acollerá a saída dunha das etapas da volta ciclista a Galicia O Gran Camiño. Neste caso, acollerá a saída da cuarta e última etapa. Será unha contra o reloxo entre O Milladoiro e a praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. A cita será do 23 ao 26 de febreiro con catro etapas, unha por provincia. Sairá desde a Muralla Romana de Lugo e concluirá na praza do Obradoiro de Santiago. Na gran rolda galega estarán equipos de primeiro nivel como Jumbo-Visma, Cofidis, Astana, Movistar ou Human Powered Health. Tamén estarán os españois Euskaltel -Euskadi, Burgos BH, Kern Pharma e Caja Rural e unha importante representación de equipos lusos. Preme nesta ligazón para ver o rutómetro en 3D desta etapa.
O concello de Ames volve a acoller unha das catro etapas da volta ciclista O Gran Camiño como xa fixera en 2022 na primeira edición desta proba deportiva acollendo a segunda etapa con saída dende Bertamiráns. Nesta segunda edición de O Gran Camiño O Milladoiro será o punto de saída dunha dura e revirada contra o reloxo que poñerá o punto final na praza do Obradoiro. Con saída dende o Novo Milladoiro (punto de paso do Camiño Portugués) e despois de salvar a dificultade orográfica do Alto do Montouto, os ciclistas percorrerán as históricas rúas de Compostela, por onde se adentra o Camiño da Vía da Prata ata o “Final do Camiño”. Preme aquí para consultar o percorrido da etapa en Google Maps.
Trátase dunha contra o reloxo de 18,10 quilómetros e un desnivel de 366 metros. A saída do primeiro participante producirase ás 12.00 horas. A saída estará instalada na rúa das Hedras, na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. Continuarán pola avenida do Muíño Vello, rúa Palmeiras e pola Travesía do Porto. Despois dirixiranse pola rúa Codeseira (estrada DP-0206) cara a aldea da Agrela para posteriormente entrar no concello de Teo. A saída do último participante está prevista parta as 14.08 horas. Premendo nesta ligazón podes descargar o rutómetro desta etapa (percorrido e horarios estimados).
Debido á celebración de dita etapa no Milladoiro haberá cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento nos arredor do parque empresarial do Milladoiro. Consulta ditas restricións premendo neste aviso. Recoméndase empregar a autovía AG-56 e mailo desvío das Galanas (estrada AC-522) e acceder ao parque empresarial do Milladoiro pola aldea de Ventín.
A concelleira de Deportes do Concello de Ames, Susana Señorís, destaca “a importancia que ten para Ames volver acoller unha etapa da volta ciclista O Gran Camiño, xa que nesta proba deportiva participan algúns dos mellores equipos ciclistas do pelotón internacional. Iso implica unha gran repercusión mediática do noso concello en todos eses países. O ano pasado acollemos a segunda etapa con saída dende Bertamiráns e este ano Ames acolle a saída da última etapa dende O Milladoiro”.
Grandes nomes do pelotón internacional
Serán catro días de festa ciclista, entre o xoves e o domingo, no que o pelotón de O Gran Camiño percorrerá as catro provincias galegas e, con iso, a historia, cultura e patrimonio natural da Comunidade. Para iso, chegarán a Galicia grandes nomes, como o do vixente campión do Tour de Francia, Jonas Vingegaard, que participarán co seu equipo, Jumbo-Visma, número 1 na clasificación da Unión Ciclista Internacional (UCI). Así mesmo, estarán tamén na rolda galega os corredores do Team Movistar, tras o fantástico papel desempeñado na primeira edición de O Gran Camiño, culminado co triunfo de Alejandro Valverde na xeral e na etapa raíña.
A maiores, en O Gran Camiño haberá unha nutrida representación de distintos puntos cardinales. Así, tomará a saída o francés Team Cofidis, os estadounidenses Human Powered Health, os suízos do Q36.5 Pro Cycling Team, os británicos Trinity e os kazakos Astana Qazaqstan Team, así como os italianos Team Corratec e Eolo Kometa. Ademais, haberá catro equipos españois: o Caja Rural, o Kern Pharma, o Burgos BH e o Euskaltel-Euskadi do galego Carlos Canal; e catro portugueses: AP Hotels and Resorts-Tavira, Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua, Efapel e Radio Popular-Boavista.
Catro días do mellor ciclismo
O Gran Camiño 2023 sairá ás estradas galegas entre o 23 e o 26 de febreiro, cunha etapa para cada unha das provincias, para poñer en valor as paisaxes galegas a través non só dunha carreira polo territorio, se non tamén pola historia, a cultura e as peculiaridades do conxunto de Galicia. Para iso, as catro etapas transitarán polo patrimonio galego, por puntos destacados da súa historia e por elementos etnográficos e paisaxísticos únicos, coa intención non só de gozar do deporte, se non de “contar” Galicia.
O arranque será na provincia lucense, con saída na emblemática Muralla Romana de Lugo e final en Sarria, punto esencial do Camiño de Santiago. A continuación, o pelotón percorrerá Pontevedra, con saída na histórica cidade de Tui e final inédito no Monte de Santa Trega; e Ourense, cunha etapa raíña por Valdeorras que servirá como homenaxe aos pobos afectados polos incendios do pasado verán. Para concluír, a crono irá á provincia da Coruña, con saída en Novo Milladoiro (Ames) e final na auténtica 'praza de Europa', a Praza do Obradoiro de Santiago.