A concellaría de Deportes de Ames, en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, organiza o "XII Campionato de Galicia Absoluto de 5 quilómetros" que se desenvolverá o domingo, 26 de setembro, en Bertamiráns. Na proba poden participar atletas das categorías sub-18, sub-20, sub-23 e máster que teñan ficha da FGA na tempada 2021. As inscricións recóllense na web de RFEA até as 20:00 horas do luns 20 2021.
A proba desenvolverase nun circuíto urbano homologado que parte da rúa Alcalde Lorenzo, preto da praza do Concello, continúa pola DP-0205 até a vía de servizo da depuradora (Vía transversal ao Río Sar), despois pasa pola Urbanización Agro do Muiño con dirección á DP-0205 de volta e chega de novo á rúa Alcalde Lorenzo, preto da da saída, onde estará marcada a liña de meta.
As saídas terán lugar a partir das 10:30. Farase unha serie coas 10 mellores marcas de inscrición. O resto dos participantes agruparanse polas súas categorías.
Os tres primeiros atletas clasificados en cada unha das categorías recibirán unha medalla conmemorativa.
Durante a celebración das probas aplicarase o protocolo COVID-19 establecido pola FGA que inclúe o aforo controlado por zonas e diversos controis polo circuíto.
"Este evento pon en valor a Ames como concello que fomenta a práctica do deporte e supón ademais un escaparate que pode sementar a afección e motivar o nacemento de novos e novas atletas", manifesta a concelleira de Deportes, Susana Señorís, quen tamén di que "o feito de que Ames sexa onde se desenvolve a proba é moi positivo para dar a a coñecera o noso concello".
Podes descargar aquí o regulamento da proba