Solapas principales

Ames acollerá o 19 de xullo unha xornada do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”

Martes, 09 de julio de 2024

O vindeiro venres, 19 de xullo, o concello de Ames acollerá unha das xornadas do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”, organizado pola asociación IS.MO Cultura. Así, ao longo desta xornada desenvolveranse diversas actividades arredor da danza e do movemento, co obxectivo de impulsar esta disciplina entre a veciñanza. A programación do festival foi presentada onte na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Este ano o concello de Ames será unha das sedes da terceira edición do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”, que se celebrará entre o 17 e o 21 de xullo en diversas localidades galegas. Creado no ano 2022, trátase dun programa de exhibición de danza en vivo que no 2023 ampliou a súa celebración en localidades das catro provincias galegas.

Nesta terceira edición, o festival prestará especial atención ao desenvolvemento dun foco particular para a creación e novos públicos e para o fomento do afecto da sociedade cara a danza e a expresión corporal. Para iso levaranse a cabo obradoiros e actividades de dinamización participativas e colectivas.

Programa do 19 de xullo
Esta xornada chea de danza dará comezo con dous encontros con profesionais desta disciplina. Así, ás 12:00 horas o artista “Miño” ofrecerá unha master class, e ás 14:00 horas todos os veciños e veciñas que o desexen poderán desfrutar dun cóctel centrado nas artes do movemento.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá dous obradoiros: “Danza en Familia” e “A danza como lugar de recreo”. As prazas son limitadas, polo que é preciso facer unha inscrición previa enviando un correo ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

A xornada rematará coa estrea do espectáculo “Pensar a contratempo” de Suevia Rojo, ás 20:30 horas, seguida das actuacións do dúos de danza Drauma e Clinch, e dunha sesión dj con pista de baile a cargo de Mounqup. Todas estas actuacións terán lugar nos xardíns do Pazo da Peregrina. En caso de choiva trasladaranse á Casa da Cultura de Bertamiráns.

O Concello de Ames aposta pola danza
Dentro da súa aposta por esta disciplina artística, o Concello de Ames integrou na súa programación cultural máis espectáculos relacionados coa danza e o movemento.

O mércores 17 de xullo, ás 21:00 horas, a bailarina Paula Quintás representará no parque do Ameneiral de Bertamiráns a súa proposta “Multiperspectivas#2”. Trátase unha proposta orixinal e novidosa que parte da perspectiva do espectador como reflexión contemporánea. Combina improvisación teatral, danza e circo, deixando espazo para a interacción co público e experimentando así cos límites das artes escénicas para enfrontarse coa realidade do espazo que nos rodea. Este espectáculo abrirá a programación municipal de artes escénicas do segundo semestre,e está integrado no convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.  

Ao día seguinte, o 18 de xullo, dentro dos Seráns de Ames, Bugallido acollerá o espectáculo de danza-circo “A vida tola de Pajarito”, ás 20:00 horas, no campo da festa.

Ames acollerá o 19 de xullo unha xornada do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”

Multimedia

  • Ames acollerá o 19 de xullo unha xornada do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”
  • Ames acollerá o 19 de xullo unha xornada do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”
  • Ames acollerá o 19 de xullo unha xornada do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”