- Tematica
A Concellaría de Cultura do Concello de Ames continúa a súa aposta polo cinema galego, programando no mes de novembro tres documentais firmados por directoras e guionistas do país. “Negro Púrpura”, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva; “Nación”, de Margarita Ledo, e “As silenciadas”, dirixido por Pablo Ces e guionizado por Aurora Marco e o propio Ces. As sesións terán lugar os mércores 10, 17 e 24 de novembro, respectivamente, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas, e incluirán encontros coas cineastas Margarita Ledo, Pablo Ces e Aurora Marco. Os convites gratuítos xa están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Ames.
Este ciclo de filmes documentais galegos forma parte da programación cultural do Concello para este último trimestre do 2021, presentada no pasado mes de setembro. O itinerario incluía propostas de teatro para todos os públicos, dende o infantil ata o adulto, ademais do Festival de Maxia de Ames, o Festimax, e o retorno do “Cinema Miúdo”, tras un ano de ausencia por mor da pandemia do coronavirus. Neste senso, as actividades do mes de novembro, que inclúen os tres documentais galegos, completaranse coa representación de “Bernarda”, unha obra de teatro para adultos de Malasombra Producións, o venres 19 de novembro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
“Negro Púrpura”, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva
“Negro Púrpura” será o filme encargado de inaugurar as proxeccións deste ciclo, o mércores 10 de novembro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Estreado neste ano 2021, o documental, que conta coa dirección e guión de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, xira arredor do “claviceps purpurea”, un fungo alucinóxeno cunha historia curiosa e descoñecida, e do seu lugar de maior produción: Galicia.
“Nación”, de Margarita Ledo
“Nación” é a nova proposta da consagrada directora e cineasta galega Margarita Ledo, que presentou este documental o pasado ano, na 18º edición do Festival de Sevilla. O documental, a través da historia das mulleres traballadoras da fábrica de cerámica da Pontesa, constrúe unha historia feminina, de precariedade, de loita colectiva, e de procura de dereitos e da autoestima: en definitiva, de facer “nación”. Será o mércores 17 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Antes do comezo da proxección, haberá un coloquio coa directora do filme, Margarita Ledo.
“As silenciadas”, de Pablo Ces e guión de Aurora Marco
A última proxección do ciclo documental será “As silenciadas”, dirixida por Pablo Ces e con guión de Aurora Marco e do propio Ces. Estreado no 2010, “As silenciadas”, Premio Mestre Mateo 2012 ao mellor Documental, ten como protagonistas ás mulleres represaliadas durante a posguerra, por defenderen e apoiaren o movemento guerrilleiro antifranquista, para o que foron fundamentais. O filme proxectarase o mércores 24 de novembro, no mesmo horario e lugar que os demais documentais, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ao final da sesión, Pablo Ces e Aurora Marco asistirán a un encontro coas persoas asistentes.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Apuesta por el cine gallego con los mejores documentales en femenino"
Lindeiros: "Ames aposta polo cinema documental na progrmación do concello para este mes de novembro"