Solapas principales

Ames, Camariñas e Noia acollen a primeira Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT, que terá lugar entre xaneiro e febreiro

Martes, 14 de enero de 2020

Os clubs ciclistas Os Esfola Arrós (Ames), O Toxo (Noia) e Baikers do Vilán (Camariñas), en colaboración cos Concellos de Ames, Camariñas e Noia, organizan a primeira edición da Liga galaica de 3 horas de Resistencia BTT, que se desenvolverá o 26 de xaneiro en Noia, o 2 de febreiro en Ames e 16 de febreiro en Camariñas. As tres probas rexeranse por un mesmo regulamento, contarán con 400 prazas dispoñibles e as inscricións poderán formalizarse premendo neste enlace. O custe da inscrición é de 15 € por participante individual, 24 € para as persoas que participen en parella e 30 € para as que o fagan en tríos.

A nova Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT foi presentada no salón de plenos noiés polos concelleiros de Deportes de Ames, Susana Señorís; Noia, Laura Salgado; e Camariñas, Fabián Canosa; que estiveron acompañados por Miguel Mato, presidente do CPC O Toxo; José Losada, membro da xunta directiva do club ciclista Os Esfola Arrós; e Juan Ramón Martínez Castro, presidente do club Baikers do Vilán.

Susana Señorís, concelleira de Deportes de Ames, felicitou aos tres clubs ciclistas pola organización desta Liga, lembrando que “o ano pasado en Ames cos Esfola Arrós xa levamos a cabo unha proba con 250 participantes. Esperamos que a nova convocatoria teña tanto ou máis éxito e que sexa a primeira de moitas edicións”. Ademais, recoñeceu o esforzo que supón para os clubs a organización da mesma

José Antonio Losada, do Club Ciclista Os Esfola Arrós, foi o encargado de presentar o Circuíto OEA, que terá lugar en Bertamiráns o próximo domingo 2 de febreiro. Explicou que “o ano pasado fixemos unha proba e á xente gustoulle moito porque ao facelo no pobo, a xente pode implicarse máis”.

Os circuítos Ría de Noia, OEA e da Camariña
A primeira das probas da Liga comezará en Noia, co Circuíto Ría de Noia, que terá lugar o domingo 26 de xaneiro de 10.00 a 13.00 horas. O percorrido, ten aproximadamente 5,5 quilómetros, cun desnivel positivo acumulado por volta de 100 metros. As inscricións para esta proba están abertas ata as 23:59 horas do 22 de xaneiro.

Posteriormente, o domingo 2 de febreiro desenvolverase a segunda proba da Liga en Bertamiráns, co Circuíto OEA. Será un circuíto de aproximadamente 6 quilómetros cuxo epicentro se situará no paseo do Rego de Ameneiral.

E xa por último, o Circuíto da Camariña terá lugar o domingo 16 de febreiro, ao longo dunha senda peonil dende a vila de Camariñas e o faro de Cabo Vilán. Unha cita na que, ademais dos premios aos mellores clasificados nas tres probas das que consta a Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT.

Regulamento e premios
O regulamento será igual para as tres carreiras e que haberá premios para os mellores clasificados de cada unha das probas, así como premios especiais para os/as gañadores/as da Liga. Así, haberá premios individuais para os tres primeiros clasificados, masculinos e femininos, nas categorías: Xeral, Xuvenil (2004-2001), Senior (2000-1991), Veteranos A (1990-1981), Veteranos B (1980-1971) e Veteranos C (1970-1951); así como premios aos tres primeiros nas categorías de relevos de 2 e de 3 persoas nas categorías masculina, feminina e mixta.

A Liga conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, da Deputación Provincial da Coruña e de Rótulos Orixinal Imaxe.

Presentación Liga Galaica

Multimedia

  • Presentación Liga Galaica