Solapas principales

Ames celebra este domingo a segunda Gala da Diversidade, que pretende dar visibilidade e inclusividade nas artes escénicas

Jueves, 05 de diciembre de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza este domingo 8 de decembro, ás 17.30 horas no Auditorio de Bertamiráns, a segunda edición da Gala da Diversidade. O evento celébrase con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, que se conmemora cada ano o 3 de decembro, e ten como obxectivo dar visibilidade e potenciar a inclusividade no ámbito das artes escénicas. A gala estará presentada pola xornalista Raquel Pérez e contará coas actuacións das asociacións para persoas con diversidade funcional DiversidArte, Aspamite, os membros dos diferentes colectivos que participan no obradoiro de Artes Vivas do Concello de Ames e tamén coa actuación musical de Silvia Penide. Ao rematar a gala haberá unha festa posterior no hall da Casa da Cultura con música, aperitivos e fotocol.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que o obxectivo desta iniciativa é “dar a coñecer entre os nosos veciños que temos moita xente diversa e que non todos temos as mesmas facilidades, hai xente que loita por un recoñecemento a diario”. Así mesmo, destacou que “o fin é que sexa un acto motivador e bonito para os participantes e para que as familias teñamos unha parte de compromiso e apoialos nas súas actuacións”.

Pola súa banda, técnico da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, resaltou que “non é unha actividade máis, é para dar inclusión e visibilidade, todos temos que estar aí nese compromiso”.

Despois de dous anos da súa primeira edición, Ames volverá a conmemorar o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional coa celebración da súa Gala da Diversidade este domingo, 8 de decembro, ás 17.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento ofrece un espazo de visibilidade e apoio aos colectivos de persoas con diversidade funcional nas artes escénicas.

A gala, conducida pola xornalista da TVG Raquel Pérez, comezará coa actuación musical do grupo de percusión da asociación DiversidArte. De seguido, haberá unha representación de circo da entidade Aspamite, a Asociación de pais de persoas con diversidade funcional de Teo.

Tras os primeiros actos de apertura, farase unha breve presentación do evento e benvida por parte dos membros da asociación amesá ARCEA-ADAMES, que serán os encargados de dar paso á representación teatral do Obradoiro Inclusivo de Artes Vivas do Concello de Ames.

Ao longo do resto da gala, as asociacións volverán a subir ao escenario para realizar diversas actuacións de danza e de música. Tamén se proxectarán vídeos nos que se amosará como é o día a día dunha persoa con diversidade funcional. O número final estará a cargo da cantautora Silvia Penide xunto coa asociación DiversidArte, que interpretarán en conxunto o tema “Diferentes Diferenzas”.

Tras a celebración da Gala da diversidade, haberá unha posterior festa no hall da Casa da Cultura na que nos asistentes poderán gozar de música a cargo de DJ Rei, merenda, fotocol con decoración elaborada polos usuarios do Clube da Diversidade de Ames e tamén un fotomatón.

Ames celebra este domingo a segunda Gala da Diversidade, que pretende dar visibilidade e inclusividade nas artes escénicas

Multimedia

  • Ames celebra este domingo a segunda Gala da Diversidade, que pretende dar visibilidade e inclusividade nas artes escénicas