- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o vindeiro venres, 10 de novembro, ás 20:00 horas, a gala de entrega de premios do IV Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por cuarto ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta cuarta edición presentáronse 51 vídeos, realizados por máis de 120 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado polo grupo amesán, Onda Dagda. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia ata as 14.00 horas do 8 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers23@gmail.com.
Un ano máis, os departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames puxeron en marcha o Certame Galetiktokers. Esta iniciativa pretende estimular e fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos e, á vez, servir de oportunidade para darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers.
Entre as 51 pezas audiovisuais, presentadas por máis de 120 mozos/as participantes de Ames e doutras localidades de Galicia, repartiranse seis premios de 300€, que suman un total de 1.800 euros. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 16 anos) presentáronse 27 vídeos, e na segunda categoría (mozas e mozos a partir de 17 anos) hai 22 vídeos admitidos.
Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decídeos o xurado, que está composto por María Rúa Rodríguez, creadora de contido en galego (@Pradorua); Noelia Francisco Lens, especialista en comunicación audiovisual; e Gabriel García Calvo, creador de contido en galego (@Gabiig8). Para seleccionar os vídeos gañadores, o xurado tivo en conta o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, e valoraron aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Os outros dous premios foron escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames XA! (@xuventudeames). Así, o vídeo de cada categoría que obtivese máis "gústame" será o que reciba o galardón. Deste xeito, cada categoría recibe tres premios: dous do xurado e un do público.
Gala de entrega de premios
Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará o venres, 10 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado por Onda Dagda, grupo musical amesán de rock composto por mozos e mozas que ensaian na Factoría. A cantante é Maria Iglesias, alumna do IES do Milladoiro e gañadora do concurso Canta con Ames en 2022.
A gala estará aberta ao público ata completar aforo e para reservar praza cómpre confirmar asistencia ata as 14.00 horas do 8 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers23@gmail.com.