- Tematica
A Concellería de Benestar Social organiza para os días 17, 18 e 19 de novembro, a décima edición das Xornadas Acércate de igualdade e prevención da violencia de xénero. A iniciativa desenvolverase vía online en tres xornadas centradas na coeducación e no feminismo como movemento para abordar os desequilibrios de poder. Para participar nestas actividades é necesario inscribirse a través desta páxina web.
Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a Concellaría de Benestar Social organiza a décima edición das Xornadas Acércate de igualdade e prevención da violencia de xénero. A programación, que consta de tres obradoiros de balde, inaugurarase o martes 17 de novembro coa sesión "Quererse para querer: construíndo relacións saudables", impartida por Carol Herrera. O mércores 18 continuarase co obradoiro "Cara onde vou?, claves para mellorar a empregabilidade", impartido por Laura Costoya. Aixa Permuy pechará o programa o xoves 19 co encontro "Coeducación desde a infancia".
O obxectivo principal é crear distintas oportunidades de aprendizaxe e intercambio no que se poida analizar a igualdade e prevención da violencia de xénero a través de diferentes actividades, cun fin divulgativo e formativo, que contribúa ao empoderamento e mellora do desenvolvemento persoal. As tres sesións realizaranse vía online de 19.00 a 20.30 horas. Para participar é imprescindible inscribirse previamente a través desta páxina web.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que “este non é o formato que máis nos gusta das Xornadas, xa que perdemos ese contacto persoal, pero a situación sanitaria que estamos a vivir non nos permite esa presencialidade. Aínda así consideramos que debemos seguir a traballar coma sempre, adecuándonos as novas circunstancias. Nestes intres nos que se está a producir un repunte nos casos de violencia é máis necesario que nunca seguir traballando en sensibilización, visibilización e prevención en todos os ámbitos de aí a escolla destes tres obradoiros totalmente dinámicos e que esperamos teñan como mínimo a mesma aceptación e seguimento que as Xornadas tradicionais”.
Programación das Xornadas
A programación comeza o martes, 17 de novembro, con "Quererse para querer: construíndo relacións saudables". Neste taller traballarase a autoestima, o autocoñecemento, e o empoderamento persoal e colectivo como bases para construír relacións saudables. Exporanse ferramentas para construír relacións igualitarias, sas, e libres de malos tratos e violencia. Falarase da soidade e da importancia das redes afectivas para evitar a dependencia emocional. Trátase de aplicar a teoría feminista ás nosas vidas cotiás para vivir mellor, sufrir menos e gozar máis dos nosos afectos, a nosa sexualidade e as nosas relacións amorosas.
O mércores 18, impartirase o obradoiro "Cara onde vou?, claves para mellorar a empregabilidade". Este encontro centrarase no desenvolvemento de competencias e a adquisición de recursos enfocados á procura de emprego ou ao proceso de emprendemento. Cunha perspectiva de xénero, fomentarase o manexo do desenvolvemento persoal para así maximizar a potencialidade de oportunidades, facendo fincapé na importancia do autocoñecemento como base para saber cara onde enfocar o futuro laboral.
O último obradoiro é "Coeducación desde a infancia", que se impartirá o xoves 19 de novembro. Nesta xornada destinada a pais, nais e persoas educadoras, exporanse diferentes actividades e xogos a través dos cales se pretende traballar a construción e deconstrución de estereotipos tendo en conta as novas masculinidades e fomentando así a participación dos máis pequenos e pequenas nas actividades para a promoción da igualdade, xerando conciencia dende a infancia.
Relatoras
Cada un dos obradoiros estará impartido por unha especialista no tema a tratar. Coral Herrera, é Doutora en Humanidades e Comunicación pola Universidade Carlos III de Madrid, escritora e investigadora sobre feminismo e construción sociocultural do amor romántico. Compaxina a súa labor divulgadora coa de consultora en institucións como UNESCO, ILANUD e AECID e profesora na Universidade Carlos III de Madrid, Universidade da Sorbona París IV e UNED/UNED Costa Rica.
Laura Costoya é traballadora social é unha apaixonada do emprendemento e do desenvolvemento persoal. Na súa empresa, Starcoach, axuda ás persoas para descubrir e rendibilizar os seus talentos.
Aixa Permuy é educadora social e pedagoga. Ademais, é doutora en educación e investigadora do Seminario Permanente de Emocionalidade, Xéneros e Desenvolvemento Humano do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (EXDEHU). Para coñecer máis ás profesionais, preme nesta ligazón.
Acércate á Igualdade
Acércate A Igualdade é un programa da Concellería de Benestar Social, que ten como obxectivo crear distintas oportunidades de aprendizaxe e intercambio no que se poida analizar a igualdade e a prevención da Violencia de Xénero. A través de tres obradoiros, o proxecto pretende inspirar novas prácticas, contribuíndo ao empoderamento e mellora do desenvolvemento persoal. Para máis información, pórse en contacto a través do número 669 962 249.