- Tematica
Os departamentos de Bibliotecas e de Normalización Lingüística de Ames celebraron este sábado, 22 de abril, o Día Internacional do Libro, cunha serie de propostas ao longo de toda a xornada. Neste senso, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a presentación do libro cos textos finalistas do XIX Certame Literario de Ames, ao que acudiron as persoas gañadoras da edición de 2022. Ademais, as bibliotecas amesás organizaron varias actividades para todos os públicos ao longo do día, que incluíron obradoiros e unha representación teatral. Preme aquí para descargar o libro que recompila os textos finalistas do XIX Certame Literario.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu, este sábado, o acto de presentación da recompilación dos textos finalistas do Certame Literario de Ames de 2022. Un acto no que o Servizo de Normalización Lingüística presentou o libro cos textos gañadores da décimo novena edición do Certame, e no que os autores e as autoras leron as súas creacións. Ao evento acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a concelleira de Cultura, Natividade González e o concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil.
A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, enorgulleceuse porque tres dos galardóns quedaran en Ames e agradeceu aos escritores e ás escritoras en lingua galega por contribuír a facela máis rica e máis próspera coas súas creacións. Ademais animou aos asistentes a non deixar de escribir “o outro día unha escritora díxome que as escritoras e os escritores só deixan de escribir cando morren, polo que, vos animo a participar en todas as edicións do Certame Literario”.
O libro presentado inclúe todos os textos finalistas no XIX Certame Literario de Ames, que se desenvolveu no ano 2022, e que recibiu un total de cento cincuenta e tres propostas. Premiáronse un total de dezaoito propostas que se repartiron entre as categorías de narrativa e poesía e entre as diferentes franxas de idade (maiores de 18, entre 14 e 17 anos e menores de 13). Os traballos gañadores procedían de once concellos, espallados por toda a xeografía galega. Deste xeito, entre a listaxe de premiadas atópanse obras con orixe en Ames, A Coruña, Carballo, Moraña, Negreira, Nigrán, Pontevedra, Portas, Rianxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Aquí, no concello de Ames, quedaron tres galardóns, entre eles os primeiros premios na primeira e terceira categoría de narrativa, así como o segundo posto na segunda categoría de poesía.
As persoas gañadoras recibiron como obsequio un dos exemplares deste libro que compila os dezaoito textos gañadores da décimo novena edición do Certame Literario e unha rosa.
A parte máis emotiva do acto foi o momento de escoitar fragmentos deste libro na voz das autoras e dos autores. A versión completa pódese consultar na páxina web do Concello e nas bibliotecas municipais. Ademais proximamente enviarase á rede de bibliotecas de Galicia.
O libro está formado por nove relatos de narrativa e outros tantos de poesía. Uns traballos que foron seleccionados de entre cento cincuenta e tres propostas por María López Sández, académica da Real Academia Galega, profesora e escritora; polo poeta e profesor Ismael Ramos e polo profesor e crítico literario Armando Requeixo. Tres veciños e veciñas de Ames que tiveron o duro traballo de revisar e xulgar os textos que se presentaron á décimo novena edición do Certame Literario do Concello de Ames.
Actividades do Día do Libro
O acto de presentación foi unha das actividades organizadas polo Concello de Ames para conmemorar o Día do Libro. Dende o Departamento de Bibliotecas organizaron diversas actividades ao longo do día.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu dende as 16:00 horas diversos obradoiros infantís que xiraron arredor da literatura. Do mesmo xeito, ás 18:30 horas a cativada gozou da sesión de teatro “As palabras perdidas”, de Inventi Teatro.
Xa pola mañá, as bibliotecas de Ames puxeron en marcha un obradoiro de creación de debuxos animados dirixido á rapazada. O obradoiro desenvolveuse o sábado en Bertamiráns e o venres pola tarde no Milladoiro cun gran éxito de participación.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames recompilou e presentou os textos finalistas do certame literario"