Solapas principales

Ames colabora na campaña "Veciño Solidario" posta en marcha por Emesports

Lunes, 27 de abril de 2020

Veciño Solidario é unha iniciativa de Emesports , mediante a cal pon a disposición dos concellos que así o requiran, a súa pasarela de inscricións a eventos deportivos co fin de que a xente utilice ese sistema para facer donativos a distintos concellos de Galicia. Estes, encargaranse de repartir o diñeiro recadado a través da plataforma aos fins ou entidades sociais que cada concello receptor estime. No caso de Ames, todos os fondos recadados serán destinados á investigación da Universidade de Santiago (USC) dentro do mecenado que se ten aberto e no que se aglutinan diversos grupos de investigación para unha vacina para o COVID19.

A plataforma Emesports, especializada na organización e xestión de eventos deportivos, pon a disposición dos concellos galegos de maneira totalmente altruísta a súa plataforma de inscrición a eventos deportivos, co fin de que sexa utilizada para recibir aportacións económicas solidarias. Estas, irán destinadas aos concellos, que se encargarán de xestionar o diñeiro recadado ás organizacións estimadas previamente.

Con esta campaña, Ezequiel Mosquera, responsable de Emesports, busca a solidariedade a través do sistema de inscricións. Así, puxo a disposición dos concellos a súa plataforma online, buscando canalizar desta forma as aportacións que os seus veciños/as desexen realizar. É dicir, as doazóns feitas a través deste sistema irán directamente ás accións solidarias ou de emerxencia dos concellos, unha transacción na que Emesports actúa só de intermediario.

No caso do Concello de Ames, todas as aportacións que se realicen irán destinadas á investigación da Universidade de Santiago (USC) dentro do mecenado que se ten aberto e no que se aglutinan diversos grupos de investigación para unha vacina para o COVID19. Os grupos de investigación encóntranse traballando nunha vacina fronte ao COVID-19, en base a novas metodoloxías que permiten resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo coste. Para o Concello atopar unha vacina o antes posible é a mellor das maneiras de poder acabar con esta situación.

Para o goberno municipal, a veciñanza de Ames ten amosado a súa capacidade de colaboración ao longo de moitos anos e diferentes circunstancias vividas, e de seguro que esta vai a volver a ser unha mostra máis. Por iso o goberno anima a todos os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal a participar, así como ao persoal do Concello e toda a veciñanza en xeral. Agora mesmo xa son 45 os concellos galegos adheridos á campaña solidaria e aos que, dende xa mesmo, se pode facer a doazón a través do sistema.

Campaña Veciño Solidario

Multimedia

  • Veciño Solidario
  • Bases das doazóns - Veciño Solidario