- Tematica
Ames celebra o aniversario da poeta da Maía coa presentación de “Rosalías”, un mural de Yoseba MP no que varias mulleres, todas elas co rostro da escritora, serven de metáfora visual para amosar a contemporaneidade da figura e da obra rosaliana e o seu vínculo coa mocidade. A presentación do mural, que se situará en dúas das paredes da Casa de Barbazán, terá lugar o día 24 de febreiro, aniversario do nacemento de Rosalía, ás 18:00 horas. No transcurso do acto varios alumnos/as do IES de Ames e do IES do Milladoiro leran o manifesto rosaliano que nesta ocasión escribiu a vicepresidenta da AELG e veciña de Ames, Anna R. Figueirido.
Mulleres de diferentes ámbitos, referentes actuais da mocidade, todas elas coa faciana de Rosalía de Castro conforman “Rosalías”, o mural que a concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística encargou ao pintor Yoseba Muruzabal para conmemorar o aniversario da poeta da Maía. O mural, no que Muruzabal traballa desde a semana pasada, representa unha Rosalía actual, diversa e comprometida coas causas xustas.
O traballo continúa a liña de actuacións que vén realizando o Concello de Ames nos últimos anos co gallo do mes de Rosalía e que ten como obxectivo revitalizar o pensamento, a figura e a obra rosaliana achegándoa á sociedade, destacando a súa vixencia e poñendo en valor o vínculo da escritora co Concello de Ames. Inténtase ademais amosar referentes públicos e restaurar a visión de Rosalía como unha muller culta, feminista, valente, comprometida co país e coa lingua.
“O obxectivo co que cada ano abordamos a celebración do aniversario de Rosalía de Castro é o de revitalizar a súa figura e pór en valor o vínculo da escritora co concello de Ames, ademais de salientar a vixencia do seu pensamento e da súa obra, dado que denuncia temas de actualidade como a emigración, a desigualdade de xénero ou as inxustizas sociais”, declara a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín.
Pampín engade que “nesta ocasión, quixemos ademais pór o acento no vinculo e o compromiso de Rosalía coa mocidade e co pensamento feminista, non en balde, o verso "Eu son libre, nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino", tirado do artigo Lieders, publicado por Rosalía de Castro no ano 1858 en “El Album del Miño” está considerado como o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia. Cremos que o mural de Muruzabal reflecitirá á perfección esta idea”.
O mural presentarase o 24 de febreiro ás 18.00 horas, no acto de celebración do día de Rosalía en Ames. Ademais do propio autor, estarán presentes a escritora amesá, Anna Figueiredo, autora do Manifesto Rosalía 2021 da Asociación de Escritores en Lingua galega, e unha representación de mozas e mozos do concello que poñerán voz ao texto da vicepresidenta da AELG, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e veciña de Ames, Anna R. Figueirido.
Desde a semana pasada, Yoseba MP, o cambrés que inzou Galicia coas imaxes das "superavoas" sobre muros e paredes, traballa xa no mural no exterior da Casa de Barbazán, situada nunha esquina do aparcadoiro de A Telleira, lindeira coa Avenida da Peregrina.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Caldo, ofrendas, textos musicados e alborada para lembrar a Rosalía"
La Voz de Galicia: "Rosalía sopra as candeas con recitais, Caldo de gloria e un novo mural"
Revista AmesGo: "Un mural de Yoseba Muruzabal que vincula a Rosalía de Castro coa mocidade actual e co pensamento feminista"