- Tematica
A Praza do Concello acolleu esta mañá ás 12.00h un acto constitucional para conmemorar e celebrar o Día Internacional do Orgullo LGTBQI, no que se congregaron varios membros da corporación municipal, veciñanza amesá de todas as idades e traballadoras/es municipais. O acto estivo marchado pola música e a lectura dun manifesto por parte de Luísa Feijoo, concelleira de Benestar Social, María Teresa Arufe, directora do CIM de Ames, e Mónica Antelo, psicóloga do mesmo centro. A continuación, procedeuse a colgar as bandeiras LGTBQI e TRANS do balcón da Casa do Concello e ao reparto de material da campaña ‘Liberdade de ser e sentir!’, impulsada pola Deputación da Coruña.
O acto estivo destinado a mostrar o apoio da sociedade amesá a prol dos dereitos dos colectivos LGTBQI e TRANS, visibilizar as súas reivindicacións e reclamar unha convivencia baseada na tolerancia e a igualdade, todo elo nun ambiente festivo e aberto a todas as persoas que quixesen participar. A partir das 12.00h, Luísa Feijoo, concelleira de Benestar Social, María Teresa Arufe, directora do CIM de Ames, e Mónica Antelo, psicóloga do mesmo centro, leron un manifesto municipal no que afirmaron o compromiso da corporación co “desenvolvemento e implementación de políticas e servizos que velen por unha garantía da igualdade real entre as persoas, con independencia da súa orientación sexual e identidade de xénero, como elemento esencial para a convivencia, o progreso e o desenvolvemento social”.
Durante esta primeira intervención tamén se puxo o foco en aspectos como a necesidade dunha atención sanitaria digna, a aprobación da Lei de Igualdade LGTBI e a concienciación no uso dunha visión respectuosa e inclusiva que remate cos estereotipos e cale especialmente nas novas xeracións. A continuación, Eric Gómez fixo un repaso pola situación lexislativa e social que afecta as persoas TRANS, tanto a nivel nacional como autonómico, tralo que enumerou algunhas das reivindicacións deste colectivo en favor da igualdade real, tanto a nivel persoal como laboral ou sanitario.
O acto rematou coa colocación das bandeiras LGTBQI e TRANS no balcón da Casa do Concello, se ben os veciños e veciñas que así o quixeron puideron seguir gozando da música que acompañou o acto. Ao longo da mañá tamén se procedeu ao reparto de chapas, bolsas e camisetas entre os e as asistentes, ao abeiro da campaña ‘Liberdade de ser e sentir!’, impulsada pola Deputación da Coruña.
Celebra o Día Internacional do Orgullo LGTBQI
Con motivo desta conmemoración, o Concello de Ames organizou unha campaña co obxectivo de visibilizar ao colectivo LGTBQI e reivindicar unha convivencia baseada na tolerancia e a igualdade. Para elo, iluminouse a Casa do Concello coas cores do arco da vella e pintaronse dous bancos da Praza do Concello coas bandeiras TRANS e LGTBQI, así como dous pasos de peóns, situados na rúa Entrerríos de Bertamiráns e na Travesía do Porto, á altura do Paseo da Igualdade, do Milladoiro. A veciñanza que desexe mostrar o seu apoio a esta celebración pode compartir as súas fotos en calquera das localizacións amesás decoradas coas bandeiras nas redes sociais baixo os hastag #AmesConcelloDiverso e #AmesLiberdadeDeSerESentir.
Ademais, Concello de Ames participa na iniciativa ‘Liberdade de ser e sentir!’, que conta coa participación de preto de corenta municipios da provincia, ten como obxectivo sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, con independencia da súa orientación sexual e/ou identidade de xénero. Para coñecer máis sobre esta campaña pódese consultar esta ligazón ou ver o seguinte video.