Solapas principales

Ames conmemora o Día Mundial da Esclerose Múltiple levando a campaña “Cores para a Esclerose” aos colexios

Viernes, 30 de abril de 2021

O Concello de Ames súmase á campaña “Cores para a Esclerose”, organizada pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, para conmemorar o Día Mundial da Esclerose Múltiple, que se celebra o 30 de maio de cada. A iniciativa promove a divulgación e visibilización da enfermidade dirixida aos centros de educación primaria de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Teo e Oroso.  Ademais, o alumando poderá participar no concurso de debuxo sobre a enfermidade.

Con motivo do vindeiro Día Mundial da Esclerose Múltiple, 30 de maio, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) ten preparada unha campaña de concienciación, divulgación e visibilización da enfermidade na comunidade escolar, especificamente entre o alumnado de primaria dos centros educativos de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Oroso e Teo.

Rol dos centros educativos
O Concello de Ames convida aos seus centros educativos de educación primaria a acoller este proxecto. Os colexios teñen de prazo estes días para adherirse á campaña “Cores para a esclerose” e dispoñen de dúas semanas para a realización da actividade didáctica na aula. O prazo para a entrega dos debuxos participantes finaliza o martes, 18 de maio.  A campaña culminará a semana do 24 de maio nun acto con motivo do Día Mundial da Esclerose Múltiple no que se fará entrega dos premios ás persoas gañadoras e se amosarán os debuxos finalistas.

Luísa Feijóo, concelleira de Promoción da Saúde, asegura que : “Animamos aos centros a que se adhiran a esta iniciativa dando a coñecer a enfermidade entre os mais pequenos. Consideramos que é moi importante visibilizar e sensibilizar en temas de saúde achegando os diferentes recursos que se nos ofrecen dende as asociacións”.

“Cores para a Esclerose”
Baixo o nome “Cores para a Esclerose” preténdese visibilizar a esclerose múltiple e dárlle cor; no sentido de arroxar luz e optimismo como actitude necesaria para afrontar unha enfermidade crónica e dexenerativa.  Ademais,  a campaña ten un concurso de debuxo.  Un dos obxectivos da iniciativa é transmitir a importancia do tecido asociativo, por ser puntos de apoio fundamentais nas comunidades, e traballar na educación primaria de valores. Que as nenas e os nenos saiban que as persoas afectadas non están soas, se non que ademais da asistencia sanitaria reciben apoio, atención e servizos nas asociacións de pacientes.

Pódese ver o vídeo de presentación da campaña “Cores para a Esclerose”  premendo nesta ligazón.  Nel,  persoas afectadas contan a súa historia de superación ao alumnado, así como a a importancia das redes de apoio e da boa actitude ante a enfermidade.

Concurso de debuxo
A campaña “Cores para a Esclerose” concrétase nun concurso de debuxo no que pode participar o alumnado que recibiu a presentación didáctica na aula. A técnica para a realización do debuxo é libre. O que si é importante é que os debuxos teñan cores, porque a campaña pretende darlle luz a enfermidade, como símbolo de que ante a mesma non todo é negro e escuro.  

Así,  pódese inventar a apariencia da enfermidade cunha personaxe, pódense representar os síntomas ou ás persoas que o padecen, ás persoas que apoian e acompañan, a actitude positiva que hai que ter ante a enfermidade, etc. trátase de que as nenas e os nenos representen nun debuxo o que aprenderon da presentación didáctica.
Para o concurso establécense tres categorías:

- Categoría A: alumnado matriculado en 1º e 2º de primaria.
- Categoría B: alumnado matriculado en 3º e 4º de primaria.
- Categoría C: alumnado matriculado en 5º e 6º de primaria.

O premio para cada unha das categorías consiste nun lote composto por: un libro, unha bolsa de tea e unha pulseira solidaria da Asociación, lapis externo, e un lote de material escolar.

A esclerose múltiple (EM)
A esclerose múltiple ( EM) é unha das enfermidades máis comúns do sistema nervioso central (cerebro e medula espinal). A día de hoxe, máis de 2,3 millóns de persoas en todo o mundo padecen EM.

A EM é unha enfermidade desmielinizante inflamatoria. Está provocada por un dano na mielina, un material graxo que illa os nervios. Na EM, a perda de mielina afecta á forma en que os nervios conducen os impulsos eléctricos cara o, e desde o cerebro. Os síntomas poden ser, entre outros, visión borrosa, debilidade nas extremidades, sensación de formigueo, inestabilidade, problemas de memoria e fatiga.

Á maioría das persoas diagnostícaselles EM entre os 20 e os 40 anos. A EM é de dúas a tres veces máis habitual nas mulleres que nos homes. Non hai ningún medicamento que poida curar a EM, pero hai tratamentos que poden modificar o curso da enfermidade.

 Día Mundial da Esclerose Múltiple

Multimedia

  •  Día Mundial da Esclerose Múltiple
  •  Día Mundial da Esclerose Múltiple
  •  Día Mundial da Esclerose Múltiple
  • Embedded thumbnail for