A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde porá en marcha este outono o servizo de atención temperá. Consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno , e que ten por obxecto dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
O Concello de Ames ampliará durante os vindeiros meses os seus servizos a disposición dos veciños e veciñas de Ames. Nesta ocasión, a Concellaría de Promoción da Saúde e Benestar Social ofrecerá un servizo de atención temperá cunha intervención biopsicosocial que favorece a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia familiar e da inclusión social.
Luísa Feijóo, concelleira de Promoción da Saúde e Benestar Social, asegurou que: “A creación deste servizo supón un paso máis dentro da aposta deste Concello polas políticas sociais de calidade e baseadas no benestar social, a inclusión e a promoción da saúde mediante unha atención directa e de proximidade”.
Engadiu que: “Dentro desta atención directa, a administración local é a que mellor coñece as necesidades da súa poboación, e dado o peso específico da franxa de idade infantil no noso Concello, 2.085 nenos/as, creemos que é moi necesario e beneficioso a creación deste servizo dando así resposta á demanda de atención dos trastornos do desenvolvemento da autonomía persoal de nenos e nenas de 0 a 6 anos e as súas familias; necesidades que inflúen directamente na súa inclusión social e convivencia familiar. Contamos con poder comezar a prestar o servizo dende o día 1 de novembro”.
Para poder levar a cabo este proxecto, optarase por un modelo de xestión compartida co Concello de Teo. Este convenio baséase no principio xeral de colaboración interadministrativa, para a efectividade da coordinación e eficacia administrativa.
A metodoloxía de traballo formularase como participativa, centrada no/na neno/a e a súa familia, e partindo da realidade actual desenvólvese a coordinación, a intervención e a derivación no ámbito da atención temperá.
Equipo humano de traballo
O grupo de traballo contará cun mínimo de tres integrantes. Será interdisciplinar e estará integrado por profesionais diferentes de entre os seguintes graos: pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía, logopedia, educación social, traballo social, maxisterio, enfermería, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina. O persoal deberá estar especializado en desenvolvemento infantil e atención temperá e/ou en apoio familiar, ou acreditar experiencia suficiente nestas materias para a realización das súas funcións.
Para facilitar o seguimento, cumprimento e a coordinación do convenio constituirase unha Comisión Mixta, integrada por dous representantes de cada concello, á que poderán asistir técnicos dos mesmos. Ditará as súas propias normas de funcionamento, debéndose reunir coa regularidade que acorden as partes.
As súas principais funcións serán o seguimento da xestión do servizo, elaborar o orzamento anual do servizo compartido e sometelo á aprobación plenaria dos concellos asociados xunto coa distribución de cargas que xere o servizo, entre outras.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El Ayuntamiento ofrecerá atención temprana a las familias amienses"
El Correo Gallego: "Un servicio de atención temprana anticipará trastornos en la infancia"