Solapas principales

Ames dá os primeiros pasos para a posta en marcha do novo centro coworking "A Proa"

Jueves, 04 de junio de 2020

Unha delegación do Concello de Ames, encabezada polo alcalde, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, visitou as instalacións do centro de coworking do Pazo de Arenaza, no concello de Oleiros. O goberno municipal de Ames inicia así unha rolda de visitas a diferentes espazos de coworking co obxectivo de coñecer o funcionamento dos mesmos, obter ideas para a implantación do novo coworking A Proa e tentar aprender da experiencia destes centros que xa están a funcionar.

O Pazo oleirense é o centro piloto da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo que impulsa a Deputación en Ames, Brión, Boiro, Carballo, Oleiros e Moeche, centros pioneiros polo seu carácter sectorial, pois están adaptados ás necesidades específicas dos sectores produtivos ou profesionais con maior demanda e potencial de cada comarca. Na visita, a delegación amesá puido coñecer con detalle a estrutura e xestión do que foi primeiro espazo de coworking posto en marcha pola Deputación da Coruña, que leva funcionando máis dun ano con grande éxito e está centrado na incubación e lanzamento de proxectos emprendedores da área da arquitectura e o urbanismo.

Durante dúas horas, técnicos da área de Emprego da Deputación  explicáronlle aos representantes de Ames as singularidades do centro coworking de Oleiros, así como a experiencia vivida desde a súa posta en funcionamento. O espazo colaborativo do Pazo de Arenaza serve como base fundamental de proxectos de arquitectura, urbanismo, enerxías renovables ou o interiorismo;  con diferentes postos e salas de reunións habilitadas para o desenvolvemento dos traballos por parte dos/as emprendedores/as, que tamén tiveron oportunidade de trasladar persoalmente as súas impresións ao alcalde de Ames.

O goberno municipal de Ames inicia así unha rolda de visitas a diferentes espazos de coworking co obxectivo de coñecer o funcionamento dos mesmos, obter ideas para a implantación do novo coworking A Proa e tentar aprender da experiencia destes centros que xa están a funcionar. A Deputación da Coruña e o Concello de Ames pretenden poñer en marcha canto antes o novo espazo de coworking, situado no parque empresarial Novo Milladoiro, que se centrará nos ámbitos das novas tecnoloxías e do sector audiovisual.

Na visita realizada ao centro do Pazo de Arenaza os representantes municipais de Ames puideron coñecer a distribución dos espazos e o uso dos mesmos, o cal serviu para adaptar a idea inicial que se tiña en canto á distribución do futuro coworking amesán. A coordinadora do PEL, Marisa Lista, explicou de forma pormenorizada os aspectos máis relevantes do funcionamento do Pazo de Arenaza. Por parte da empresa xestora do mesmo, avanzáronse ideas para ter en conta por parte do Concello de Ames sobre a xestión e control de accesos, así como na dinamización do espazo, punto clave para o bo desenvolvemento dos proxectos.

Adquisición do local destinado ao coworking amesán
Cómpre lembrar que hai pouco máis dunha semana o Concello de Ames asinaba a adquisición do novo local de 400 metros cadrados, que servirá como centro de traballo de coworking para Ames. Un proxecto pioneiro no concello amesá e que busca axudar no desenvolvemento de proxectos emprendedores centrado na innovación, a tecnoloxía e o sector audiovisual, puntos fortes de Ames e polo que se está posicionando a nivel nacional e que permitiu o recoñecemento da distinción de Cidade da ciencia e innovación.

O Concello de Ames agradeceu a colaboración mostrada por parte dos responsables da Deputación e da empresa xestora para coñecer de preto o formato deste espazo colaborativo e que permitiu coñecer aspectos importantes da posta en marcha do novo coworking. En abril de 2019 o Concello de Ames asinou coa Deputación da Coruña un convenio, a través do cal a administración provincial financiará algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000 euros.

Elaboración dun regulamento e ordenanza municipal
O alcalde de Ames, Jose Miñones, destaca que "o obxectivo é poder ofrecer o mellor servizo posible e de aí que queiramos ver como funcionan outros espazos que xa contan con experiencia".

Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, sinalou "que xa estamos traballando no regulamento que rexerá A Proa, así como na ordenanza fiscal, polo que coñecer os aspectos que funcionaron noutros espazos permitirá mellorar ou noso espazo colaborativo".

Imaxe da visita ás instalacións do centro de coworking do Pazo de Arenaza

Multimedia

  • Imaxe da visita ás instalacións do centro de coworking do Pazo de Arenaza
  • Imaxe da visita ás instalacións do centro de coworking do Pazo de Arenaza