- Tematica
Blas García e Lucía Calvo mantiveron un primeiro encontro institucional durante a xornada de hoxe para abordar os asuntos sobre os que se centrará a colaboración de Ames e Teo durante o vixente mandato. Foron acompañados nesta xuntanza polos concelleiros amesá e teense, Gustavo Nieto (Obras e Servizos Básicos) e Juan Jesús Cerqueiro (Servizos Sociais).
Esta xuntanza responde a vontade de ambos os concellos de atoparse nos temas básicos e colaborar polo ben da veciñanza, unha prioridade para dous municipios limítrofes como o son Ames e Teo. O rexedor amesá apunta que esta reunión responde á “vontade común de colaborar e ter boas relacións institucionais”, mentres que a rexedora teense mostrou “satisfacción por esta xornada de traballo co alcalde de Ames na que se abordaron necesidades reais para ambos municipios”.
Nesta xuntanza incidiuse, entre outros temas, na necesidade dun parque de bombeiros comarcal e na reactivación da Mancomunidade de Santiago, que aglutina tamén aos concellos de Brión, Boqueixón, Vedra, Val do Dubra e Santiago de Compostela. Estes temas, xa tratados nas pasadas reunións de García co alcalde de Val do Dubra, Diego Díaz, e ca alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, “son asuntos que nos levan absorbido moito tempo e que é necesario solucionar coa maior brevidade posible. Se todos os concellos implicados poñemos da nosa parte podemos sacalos adiante”.
Parque de bombeiros comarcal
O parque de bombeiros comarcal é unha reclamación histórica dos municipios de Ames, Teo, Vedra, Val do Dubra, Brión e Boqueixón. Blas García marca “un prazo prudencial ata final para darlle tempo de dialogar a todas as administracións implicadas na construción do parque pero de non producirse ningún avance Ames e Teo traballarán en conxunto para ofrecer unha parcela ao Consorcio e levar a cabo esta obra.
A alcaldesa tras esta primeira posta en común espera chegar nun futuro próximo a un compromiso en firme por todas as administracións implicadas posto que “esta é unha necesidade real, non un capricho” e que “debe de ser atendida con rapidez para non lamentar nun futuro non ter actuado”.
Mancomunidade de Santiago
En canto á mancomunidade tanto García como Calvo coinciden en que é necesario que todos os municipios implicados nela se involucren para sacar un beneficio real para a veciñanza mediante a prestación conxunta de servizos. “É necesaria a creación dunha mancomunidade que traballe de forma seria e rigorosa na dotación de servizos á veciñanza dos concellos da área de Compostela que a forman”, afirma o rexedor amesá, mentres que a alcaldesa teense opina que “é necesario poñerse a traballar polo ben común dos veciños e a mancomunidade é o instrumento adecuado”.
Esta mancomunidade, tamén composta polos concellos de Santiago de Compostela, Brión, Boqueixón, Vedra e Val do Dubra, naceu no ano 2002 e na actualidade atópase valeira de contidos.
Outros asuntos
Nesta xuntanza tamén se trataron outros asuntos como a creación da senda de Agrela e a mellora do transporte metropolitano das áreas máis próximas a Santiago de Compostela, materias nas que se traballará durante este mandato de forma conxunta coas administracións competentes.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "La regidora de Teo y el de Ames van a ofrecer parcelas si no avanza el parque de bomberos comarcal"
La Voz de Galicia: "Ames y Teo ofertarán una parcela para el parque comarcal de Bomberos si no hay avances este año en su puesta en marcha"
Ames Go: "Reunión entre os alcaldes de Ames e Teo para acordar colaboracións"
Lindeiros: "Reunión da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, co alcalde de Ames, Blas García"
Enfoques: "Ames y Teo reclaman un parque comarcal de bomberos y reactivar la Mancomunidade"