Solapas principales

Ames homenaxea a Rosalía de Castro nunha gala protagonizada polo alumnado dos centros educativos

Martes, 25 de febrero de 2025

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte, 24 de febreiro,  unha gran festa rosaliana, o evento central das actividades organizadas polo concello para conmemorar o mes da autora. A Gala Rosalía, que contou cunha gran participación da veciñanza e do alumnado dos centros educativos de Ames, puxo en valor a figura da escritora e a súa vinculación co concello. Canda a veciñanza de Ames, na gala participaron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e María López Sández, membro tamén da dita fundación.  O acto  pechouse cun concerto de Uxía Senlle e Santi Cribeiro que remataron cantando o tema “No bico un cantar” con boa parte do alumnado presente con eles no escenario.

A cerimonia estivo chea de música, teatro e poesía. A actriz e comunicadora, Cristina Collazo, encargada de conducir a gala, converteuse en Rosalía nos diferentes sketchs que interpretou protagonizados polas rosalías que Yoseba Muruzábal plasmou nos murais rosalianos de Bertamiráns e do Milladoiro. Así, o azar e  a ruleta rosaleta que Collazo creou para o evento,  decidiron, coa axuda do público, que pasaran polo escenario as rosalías peixeira, pandeireteira e limpadora e que tamén estiveran representadas as imaxes da cantante Rosalía e da actriz Patricia de Lorenzo recollendo o premio María Casares.

Ademais dos centros educativos de Ames, na gala actuaron Uxía Senlle e Santi Cribeiro, referentes da música galega, que interpretaron diferentes temas do seu disco Rosalía Pequeniña e que, como sorpresa final, convidaron ao escenario ao alumnado participante para despedir o evento cantando conxuntamente.

O acto abriu cunha actuación dos nenos e nenas das asociacións de Bugallido, que acompañados de Uxía, interpretaron No bico un cantar. A seguir, Anxo Angueira e María López Sandez, interpretaron a Alborada e leron un fragmento de Ignotus, o último capítulo da obra Os precursores de Manuel Murguía no que a  a voz de Rosalía relata un encontro cun rapaciño que podía ter as súas orixes no Concello de Ames.

A seguir, as interpretacións dos centros educativos fóronse intercalando coas doutros veciños e veciñas de Ames que tamén lle quixeron poñer voz a textos rosalianos; así,  Raquel Arias e Carlota Mera, de Tecidos Tolemia, recitaron Miña Santiña, miña Santasa; Fernando Yáñez, o artista plástico autor  dos murais rosalianos nas caixas dos semáforos dalgunhas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro, leu os poemas Amores Cativos e Ti onte, mañán eu; e actor Xabier Estévez interpretou Pra A Habana.

O alumnado dos centros educativos, protagonistas da xornada
Os grandes protagonistas da xornada foron os alumnos e alumnas dos centros educativos de Ames, que interpretaron diferentes textos da autora. O alumnado do CEIP de Barouta realizou unha representación teatral da texto Miña casa meu lar. A EEI do Milladoiro  preparou  un vídeo coas ilustracións e coas voces de todo o alumnado do centro cantando o poema Has de cantar. O CEIP da Maía presentou o vídeo Falando con Rosal-ÍA no que alumnado conversaba e entrevistaba á propia escritora para saber máis da súa biografía e da súa obra.  O alumnado do CEIP Agro do Muíño encheu o escenario de ritmo e de poesía, coa interpretación  dunha das composicións máis recoñecidas de Rosalía, “Adeus ríos, adeus fontes”, acompañados de pandeiretas.

Os IES de Ames tamén estiveron presentes na gala. O alumnado de Bertamiráns cun vídeo no que adaptaban o poema Tecín soíña a miña tea ao pasado, ao presente e ao futuro e o instituto do Milladoiro cunha representación teatralizada dun fragmento do texto As Literatas, Carta a Eduarda.

No acto participaron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, xunto con outros concelleiros e concelleiras das diferentes corporacións con representación municipal.  

O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, agradeceu a participación de todas as persoas que colaboraron na gala e destacou que  “é unha satisfacción e un orgullo ver todo o talento que temos no concello con estes rapaces e rapazas, e comprobar que, con actos así,  Rosalía, a nosa escritora máis universal, vai seguir viva”.

Pola súa banda, a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, agradeceu aos departamentos de Turismo e Normalización Lingüística, encargados de organizar a programación rosaliana deste ano, xunto con todos os grupos e asociacións participantes na gala. Tamén destacou especialmente “o traballo da mocidade e da xente máis cativa do concello que levan semanas preparando a súa actuación” . Por último, indicou que a xente nova é a esencia da lingua e animou a manter viva a figura de Rosalía, unha muller da que todas  e todos temos moito que aprender.

Andaina polo Mar de Ovellas
A programación de Rosalía remata o vindeiro 9 de marzo coa Andaina polo Mar de Ovellas, unha ruta de 5 quilómetros teatralizada polo grupo Os Quinquilláns e a regueifeira Lupe Blanco. Nesta actividade, ademais de reinterpretar fragmentos do poema  A probiña, que está xorda, situado neste espazo amesán, seguirémonos achegando, dun xeito lúdico e divertido,  á figura da autora.

A ruta destinada ao público xeral contará con servizo de traslado en autobús para as persoas asistentes, con saída desde a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10.00 h e desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 10.15 h. Ademais de poder gozar da ruta, que comeza en Augapesada e finaliza en Trasmonte, ao cabo haberá unha pequena festa con música e degustación de petiscos.

Ames homenaxea a Rosalía de Castro nunha gala protagonizada polo alumnado dos centros educativos

Multimedia

  • Ames homenaxea a Rosalía de Castro nunha gala protagonizada polo alumnado dos centros educativos