Solapas principales

Ames inaugura o Espazo da Diversidade para conmemorar o Día do Orgullo LGTBIQ+

Jueves, 25 de junio de 2020

Co gallo da conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+, o Paseo da Igualdade do Milladoiro acollerá este venres, a partir das 11:00h, un obradoiro de pintado, e a inauguración do Espazo da Diversidade que terá lugar ás 12:00 do mediodía. Catro bancos e unha mesa pintados coas cores de distintas bandeiras reivindicativas ficarán como testemuña de que Ames é un concello que traballa a prol da loita contra calquera tipo de discriminación. No acto repartiranse lazos e pulseiras reivindicativas e escoitarase o manifesto que escribiron dous rapaces, Eric Gómez e Pablo González, activistas da loita LGTBIQ+. XEA, a Xuntanza de Empresarios de Ames, colabora na celebración engalanando os seus establecementos e ofrecendo material, tamén a aqueles comercios que non son socios. O Concello convida á veciñanza a participar do acto cumprindo as medidas hixiénicas e de seguridade que impoñen as circunstancias.

Hai 51 anos, un 28 de xuño de 1969, o Stonevall, un pub de Nova Iorque onde adoitaban reunirse persoas pertencentes ao colectivo LGTBIQ+, foi unha vez máis obxecto das habituais redadas que facía a policía. Porén, nesta ocasión non se deu a calada por resposta e de xeito espontáneo xurdiron revoltas e manifestacións en protesta contra un sistema que perseguía aos homosexuais. Estes feitos, considerados como as primeiras mostras de loita do colectivo e o precedente das marchas do orgullo, serán lembrados o venres polos dous rapaces de Ames que lerán o manifesto no acto de inauguración do Espazo da Diversidade.

Os autores deste manifesto, Eric Gómez e Pablo González, dous rapaces do Milladoiro que estudaron até o ano pasado no IES da localidade, séntense privilexiados por poder expoñer as súas ideas e as súas reivindicacións sen dificultade "Este é un privilexio do que moitos outros activistas non dispoñen -din-Nós non sufrimos unha discriminación violenta, nin bullying, nin temos problemas familiares porque nos rexeiten na casa. Porén hai moita xente que si padece todos estes problemas".

O manifesto co que Erick e Pablo pretenden "incitar diálogo nas persoas que queiran avaliar as súas crenzas e aprender de forma mutua", inclúe unha serie de reivindicacións que van desde a implantación de formación sobre a diversidade sexual nas aulas, á protección para quen sofra de LGBTIQfobia. Salientan ademais a necesidade de perseguir as agresións homófobas e transfóbas, buscando axudar as vítimas a non sentirse intimidadas. Tamén reivindican a inclusión no Sistema Nacional de Saúde da asistencia sanitaria necesaria para adecuar a identidade ao corpo e a implantación dunha lei trans estatal que garanta a non discriminación das persoas trans en todos os ámbitos da vida.

Para a concelleira de Igualdade, Luisa Feijóo “é un orgullo contar con mocidade comprometida, activa e que loita polos seus dereitos. Eles son o motor de cambio cara unha sociedade onde impere a igualdade, o respecto e a tolerancia”.

A implicación da Concellaría de Igualdade, do sector empresarial e comercial e da comunidade educativa nos actos de conmemoración do Día do Orgullo, amosan unha vez máis que Ames é un concello san e plural que loita e reivindica a igualdade e a diversidade cada vez que ten ocasión. O acto do venres é unha mostra diso.

Mobiliario para o "Espazo da Diversidade"

Multimedia

  • No acto repartiranse lazos e pulseiras reivindicativas