- Tematica
O Concello de Ames incrementa as actividades organizadas ao abeiro da programación estival cunha serie de cursos de iniciación ao piragüismo, que se desenvolverán durante os meses de xuño, xullo e agosto. A actividade, organizada pola Concellaría de Deportes, impartirase os luns, mércores e venres do 21 de xuño ao 23 de agosto. Os cursos están destinados a nenos e nenas nados entre 2005 e 2011, que poderán inscribirse ata que se cubran todas as prazas.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza uns cursos de iniciación ao piragüismo destinados a nenas e nenos nados entre o 2005 e o 2011. A formación desenvolverase na praia fluvial de Tapia os luns, mércores e venres, comprendidos entre o 21 de xuño e o 23 de agosto, en horario de 16.30 a 17.30 horas.
Durante dous meses, os e as participantes aprenderán, da man de Ribeiras do Tambre, todo o necesario para gañar autonomía no uso da piragua e adquirir as destrezas e habilidades básicas para practicar o piragüismo. Para participar é imprescindible saber nadar.
As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse tanto na Casa do Concello de Bertamiráns como na da Cultura do Milladoiro, en horario de 9.00 a 14.00 horas. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Para formalizar a inscrición, que ten un custo de 30 euros, é necesario presentar o impreso federativo, fotocopia do DNI e unha fotografía. A actividade está organizada pola Concellaría de Deporte e por Ribeiras do Tambre, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.