Solapas principales

Ames mantense como o concello galego máis seguro segundo o Balance anual de criminalidade do ano 2020

Martes, 23 de marzo de 2021

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e mailo alcalde de Ames, Jose Miñones, presidiron o pasado xoves día 18 de marzo a  Xunta Local de Seguridade de Ames, unha reunión na que se analizou a seguridade cidadá no municipio, o máis seguro de Galicia logo de ver os datos recollidos no Balance anual de criminalidade de 2020 do Ministerio do Interior, mostrando un descenso dun 2,8% respecto do ano anterior.

En dita xuntanza, na que tamén estiveron representantes da Garda Civil e do Corpo Nacional de Policía adscrita á Xunta de Galicia, así como varios representantes municipais abordáronse as actuacións levadas a cabo no ano 2020, un ano particular marcado pola incidencia da pandemia ocasionada pola COVID19.

Así mesmo tamén se analizaron os datos recollidos do balance anual do Ministerio do Interior, que amosan que o Concello de Ames segue a confirmar os bos datos en materia de seguridade cidadá e continúa sendo o concello máis seguro de Galicia á vez que se mantén entre os dez mais seguros de España con tan só 723 infraccións penais totais.

Estes datos estadísticos son recollidos naqueles concellos de máis de 30.000 habitantes e o resumo do ano 2020 para Ames é o seguinte:
-En canto a delitos graves e menos graves de lesións e rifa tumultuaria, móstrase un descenso dun 12,5%.
-O número de roubos con violencia e intimidación mantense en 4, ao igual que no ano 2019.
-En roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións vese un importante descenso dun 42,2 %, con 19 accións menos deste tipo que no ano anterior.
- En roubos con forza en domicilios prodúcese o maior descenso, reducíndose nun 52,5% con respecto ao ano 2019, dato coherente coa especial situación vivida de confinamento.
-En furtos, déronse 31 menos que o ano 2019, o que supón un descenso do 30,1%.
-Obsérvase un aumento no número de subtraccións de vehículos, con dúas accións máis que no ano 2019.
-Tamén se produce un descenso en tráfico de drogas, que baixa nun 40% respecto do ano 2020.

Incremento da ciberdelincuencia e dos casos de violencia de xénero
Pese as boas cifras que se acadan, sendo o concello con menor incidencia de criminalidade en Galicia e dos que menos a nivel estatal, é preciso destacar o incremento no 32%, respecto do ano 2019, da ciberdelincuencia que algo que se ten producido de xeito xeral en España, cuestión na que o Concello comezará a traballar para previr a comisión destes delitos a través de diferentes campañas informativas.

En canto á violencia de xénero analizouse polo miúdo o incremento de casos que se deron no ano 2020, e que esixen unha especial atención e esforzo por parte dos corpos e forzas de seguridade, co firme obxectivo de erradicar esta lacra.

Coordinación dos corpos e forzas de seguridade
Na xuntanza mantida volveuse a destacar a labor e coordinación dos corpos e forzas de seguridade, e en especial, a coordinación existente entre a Policía local e a Garda Civil, nun ano moi complicado coa situación COVID e no que se amosou un maior esforzo e compromiso das forzas de seguridade e que na actualidade segue a estar vixente. Un punto específico da Xunta Local de Seguridade foi sobre este punto no que se deron as cifras de infraccións no Concello de Ames e que supera o millar de denuncias interpostas desde o mes de xuño de 2020 e que na actualidade estanse a tramitar.

Outro dos puntos de interese foi o relativo aos reforzos do cuartel da Garda Civil que en anos pasados supoñía un problema polo escaso número de efectivos. Esta situación logrouse reverter na actualidade, xa que o número de efectivos é de 44 cos reforzos de persoal que desde o Goberno do Estado se levou a cabo nun esforzo que o Concello de Ames agradeceu novamente á subdelegada do Goberno.

As cifras de accidentes de tráfico diminuíron
No balance de accidentes de tráfico, froito da situación pandémica as cifras de accidentes diminuíron considerablemente e non houbo que lamentar ningún falecemento no ano 2020 dentro do noso territorio por accidentes de tráfico, aínda así houbo 51 accidentes con 6 feridos sendo un deles de gravidade. Desde o Concello solicitouse o respaldo da DGT para dar solucións aos problemas da estrada que une Bertamiráns e Negreira e que xa fora trasladado meses atrás á Xunta de Galicia, sen que a día de hoxe se teña nin resposta nin coñecemento de actuación algunha, nun traxecto de risco elevado e no que xa houbo mortes en anos anteriores.

Finalmente, no balance das actuación no eido ambiental, a diminución seguiu os mesmos pasos cun menor volume de actuacións e incendios que seguen a amosar o bo comportamento do Plan municipal de prevención de incendios que desde o Concello se está levando a cabo como unha medida pioneira a nivel municipal.

Na xuntanza, o concelleiro de seguridade Víctor Fernández, agradeceu “o traballo dos corpos e forzas de seguridade nun ano tan complexo coma o 2020 que estivo marcado pola aparición da COVID, e no que houbo que dobregar esforzos para garantir a seguridade cidadá e poder protexer ao conxunto da veciñanza dun virus descoñecido, algo que foi acadado gracias a gran labor de coordinación entre os distintos corpos de seguridade”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames revalida su condición de concello más seguro de Galicia"

El Correo Gallego: "Ames se proclama como el concello con menos delitos"

Reunión da Xunta Local de Seguridade

Multimedia

  • Pilar López Riobó, subdelegada do Goberno