En resposta ao chamamento feito pola Federación Galega de Municipios e Provincias, o Concello de Ames ofreceu a súa colaboración e pón a disposición da FEGAMP os recursos que poida ter para colaborar na acollida dos refuxiados afgáns.
Ames, concello de acollida
O pleno da Corporación municipal, o día 3 de setembro de 2015, a instancia da moción presentada polo grupo municipal Ames Novo, aprobou por maioría declarar Ames "Concello de Acollida". Xa en xuño de 2016, o Concello adheriuse á Rede Española de Acollida de Refuxiados.
Actualmente, viven no municipio familias e persoas de máis de 50 nacionalidades diferentes.
A Concellaría de Benestar Social creou, en 2007, o Servizo de Acollida ao Migrante (SAMI), composto por un mediador intercultural, Leonardo Pena, e unha asesora xurídica en colaboración cos servizos sociocomunitarios básicos. Dende a súa formación, son milleiros as persoas que pasaron polo servizo e que foron asesoradas e axudadas en cuestións como información e asesoramento na tramitación de permisos de residencia e traballo, visados, nacionalidade, reagrupamento familiar, retorno, documentación para o trámite de pensións, fe de vida, homologación de estudos, etc.
Ademais, o SAMI informa sobre os programas formativos e de orientación laboral, intermediación, e cantas axudas faciliten a inserción no mercado laboral. O servizo encárgase tamén sobre a organización e funcionamento da administración e organismos, así como asesoramento na realización de xestións. O Servizo de Acollida ao Migrante colabora e coordina con outras entidades na realización de actividades en prol da mellora da integración social das persoas migrantes
Así mesmo, organízanse periodicamente cursos de español para estranxeiros, cursos de galego en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística e obradoiros de esforzo e integración.
Actualmente os recursos dos que dispón son a vivenda de tránsito e o servizo integral de acollida. A través do SAMI o mediador intercultural en coordinación cos servizos sociocomunitarios básicos, Voluntariado, Emprego, Normalización Lingüística e diferentes Asociacións e ONGs intenta dar resposta ás necesidades das persoas migrantes e refuxiadas dende que chegan ao noso municipio.
Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, explica que: “acoller non é un servizo máis, é un acompañamento á persoa dende que chega ao noso Concello ata que pode levar unha vida totalmente autónoma. Trátase de darlle esa primeira acollida, axudala e informala dos recursos aos que ten dereito, buscar unha solución habitacional, axudala coa integración no entorno: idioma, cultura, formación, etc."
Ademais, engadiu que “dende o noso concello queremos mostrar todo o noso apoio ás familias que se viron e se ven obrigadas a fuxir dos seus países de orixe. Entendemos como ben dixo António Guterres, secretario xeral da ONU, que non se trata de compartir unha carga, senón de compartir unha responsabilidade mundial, baseada tanto na idea xeral de que todos somos humanos como nas obrigas moi específicas contraídas en virtude do dereito internacional. Os problemas fundamentais son a guerra e o odio, non as persoas que foxen”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Concello quere acoller refuxiados de Afganistán"
La Voz de Galicia: "Ames se ofrece como municipio de acogida de refugiados afganos"