- Tematica
Esta mañá presentouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o XVII Festival internacional de Maxia de Ames, que se desenvolverá os días 21, 22 e 23 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Este festival organizado polo Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, conta cun programa repleto de espectáculos e obradoiros dirixidos a todos os públicos. Este ano como novidade inclúese na programación unha gala de novos talentos da maxia. Ademais, haberá unha gala máxica infantil, obradoiros de maxia e maila gala máxica internacional. As entradas e convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica.
Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a presentación dunha das actividades, que máis éxito teñen entre a veciñanza amesá, das que organiza o Concello de Ames. Trátase do XVII Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax”, que se desenvolverá os días 21, 22 e 23 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A presentación correu a cargo da concelleira de Cultura, Natividade González, do mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo, do primeiro tenente da Alcaldía, David Santomil, e da técnica do departamento de Cultura, María Vázquez. Preme nesta ligazón para descargar o programa do festival de maxia.
A concelleira de Cultura, Natividade González, dixo “volvemos neste mes de outubro cunha das datas máis esperadas do concello para todos nós. Xa non é que o FestiMax se consolide, xa imos pola décimo sétima edición, senón que penso que hai poucos eventos na comarca con este número de edicións, con tanto público e tan esperados. As nosas Casas da Cultura vanse vestir de ilusión e de maxia para acoller a artistas moi importantes. Como sempre digo, dende a Concellaría de Cultura traballamos cada ano para que o nivel deste festival sexa o mesmo, e se podemos, seguir superándonos”.
Por outra banda, o mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo, explicou “son xa dezasete edicións e é unha sorte e un orgullo que Ames sexa co FestiMax o epicentro da maxia. Trátase dunha aposta moi completa, con maxia galega, internacional e de todas as partes para todos os públicos, intentando combinalo todo”.
Ademais, engadiu “unha das novidades que nos fan moita ilusión é a gala de novos talentos da maxia. Diferentes magos e magas vanse xuntar aquí no escenario do Milladoiro para o que vai ser para moitos deles a súa primeira actuación. Para nós é moi especial porque vimos a moito deles en anteriores edicións no patio de butacas e agora acompáñannos no escenario”.
Gala de novos talentos da maxia
A programación do FestiMax está composto por catro grandes espectáculos que se van a realizar os días 21, 22 e 23 de outubro. As actividades comezan o venres 21 de outubro, ás 17.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa Gala máxica infantil. O mago inglés Cliff The Magician presentará o espectáculo Magical Mistery Tour. Este mago é especialista en realizar espectáculos para os máis cativos e cativas. Conta cunha longa traxectoria levando a súa maxia a diferentes teatros e centros educativos de diferentes países.
Tamén o venres, 21 de outubro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro desenvolverase o que será a principal novidade desta edición do festival de maxia. Trátase da Gala de novos talentos da maxia, que estará presentada polo mago Rafa e na que participarán Magic Mateo, Mago Iago, El Grand Na, Maga Aldara e Mago Alvart. A entrada para ver este espectáculo é de balde, pero haberá que adquirir o correspondente convite na Billeteira electrónica.
Obradoiros de maxia
Outra das actividades que se realizan este ano serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Así, o sábado 22 de outubro, o mago David Maestro impartirá un taller de maxia na Casa da Cultura do Milladoiro. Formaranse dous grupos de 12 participantes cada un. A primeira sesión farase ás 11.00h e a segunda a continuación ás 12.00 horas.
O domingo 23 este mesmo obradoiro impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén será impartido polo mago David Maestro en dúas sesións, ás 11.00 e ás 12.00 horas, e formaranse dous grupos con 12 nenos/as en cada un.
Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal. En dito correo hai que poñer o nome, apelidos da persoa que quere participar no obradoiro de maxia e un número de teléfono de contacto.
Gala máxica internacional
A Gala máxica internacional farase tamén o sábado 22 e mailo domingo 23 de outubro. Como nos últimos anos haberá catro pases debido á gran demanda que ten este espectáculo entre a veciñanza amesá. A Gala estará presentada polo mago Murphy de Madrid e participarán os magos Dani Polo (Galicia), Lore Lavand (Arxentina), Enric Magoo (Cataluña) e Hyun Joon Kim (Korea), que é un dos mellores magos na súa disciplina a nivel mundial.
Así, o sábado 22 realizarase o espectáculo Isto é maxia na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que o domingo 23 de outubro desenvolverase o espectáculo Agora Maxia, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ambos días a primeira función será ás 17.00h e a segunda ás 20.00 horas.
A venda de entradas e convites farase a través da Billeteira electrónica. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "El FestiMax se abre a nuevos talentos de la magia y trae al ‘rey de los naipes’"
Quincemil: "Ames (A Coruña) se prepara para su cita anual con la magia en el Festimax"
AMSGO!: "A maxia volve a Ames co FestiMax entre o 21 e o 23 de outubro"
Lindeiros: "XVII Festival internacional FestiMax en Ames"