Solapas principales

Ames participa nas xornadas “A mocidade, forza motriz para a igualdade” organizadas pola FEGAMP

Jueves, 27 de febrero de 2025

A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou este xoves, 27 de febreiro, o segundo encontro de alcaldesas e concelleiras onde dialogaron sobre boas prácticas e propostas de futuro para promover políticas locais de igualdade coa mocidade. A concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, participou nunha mesa de debate sobre as boas prácticas en igualdade co foco na mocidade. Estas xornadas celebráronse baixo o lema “A mocidade, forza motriz para a igualdade”, no marco das súas iniciativas da FEGAMP para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.

Baixo o lema “A mocidade, forza motriz para a igualdade” o encontro celebrouse hoxe xoves 27 de febreiro de 2025, no marco das iniciativas da FEGAMP para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. O encontro comezou coas intervencións de apertura de María Barral, vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos; e de Inés Rey, alcaldesa da Coruña e vicepresidenta primeira da FEMP.

De seguido celebrouse a mesa “As alcaldesas falando dos riscos e ameazas paras as mozas. Os Concellos como garantes de dereitos para todas” coas intervencións de Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; Uxía Oviedo, alcaldesa de Maceda; Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz; e Paula Fernández, alcaldesa de Silleda. Esta mesa estivo presentada e moderada por Patricia Vilán, secretaria xeral da FEGAMP.

Intervención de Carmen Porto
A seguinte mesa denominouse “Concelleiras galegas abordan boas prácticas en igualdade co foco na mocidade” e contou coas intervencións de Carmen Porto, concelleira de Planificación, Xestión Educativa e Mocidade de Ames; María Pilar Cabrera Gómez, concelleira de Xustiza Social e Participación de Sandiás; Selene González, concelleira de Benestar Social, Igualdade, Formación e Emprego e Ensino de Salceda de Caselas; María do Carmo Muíño, concelleira de Benestar de San Sadurniño; María Ortega, concelleira da Muller de Moaña; e Natividad Parada, concelleira de Educación de Sanxenxo. A ex-secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara, presentou e moderou esta mesa.

A concelleira de Planificación, Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, destacou “o noso concello como sabedes é un dos municipios con máis xuventude de Galicia e temos unha particularidade en especial que é que contamos con 70 nacionalidades diferentes. Actualmente temos dous institutos masificados con preo de 600 mozos e mozas en cada un. Algunhas das políticas que facemos de xeito anual son as xornadas Achégate á Igualdade, a última foi a décimo cuarta edición, que puxeron o foco na prevención da violencia de xénero en todos os ámbitos da sociedade, desde a educación á concienciación da mocidade”.

Carmen Porto tamén explicou que “dende o Concello se levan a cabo charlas en educación afectivo – sexual nos colexios e nos institutos, onde se traballa moito todo o tema dos dereitos, igualdade, atención á diversidade. Este é un proceso lonxitudinal onde se comeza con nenos e nenas de cuarto de primaria e continua ata o alumnado que cursa a ESO, xa que aí é onde se ve o desenvolvemento psicosexual a medida que van medrando. Tamén quero destacar o papel que xogan os CIM, os centros de información á muller. Afortunadamente en Ames contamos con dúas grandes profesionais no CIM e hai pouco tempo fixemos un conto no que se relata o traballo destas profesionais, a través das personaxes dos Bolechas, para dar a coñecer o seu traballo entre os nenos e nenas e a sociedade en xeral”.

Por último, dixo que “dende que comecei como concelleira e ligado tamén ao tema da educación e da mocidade levamos impartidos dous cursos en formación en igualdade para perfís educativos, un denominado Lentes Violetas e ou que tivemos polo 25N chamado Falarnos Bonito. Ademais, temos iniciativas relacionadas coa igualdade e co fomento de oportunidades como son o Día da Muller e da Nena na Ciencia e mailo Club da diversidade de Ames”.          

Cambiadebando.gal
O encontro rematou coas intervencións de María Deben, coordinadora da Área de Igualdade da Delegación do Goberno en Galicia; e de Carmen López, técnica da empresa JustGame, que presentou a iniciativa da FEGAMP dirixida á mocidade nos concellos: http://cambiadebando.gal/.

Ames participa nas xornadas “A mocidade, forza motriz para a igualdade” organizadas pola FEGAMP

Multimedia

  • Ames participa nas xornadas “A mocidade, forza motriz para a igualdade” organizadas pola FEGAMP
  • Ames participa nas xornadas “A mocidade, forza motriz para a igualdade” organizadas pola FEGAMP