Solapas principales

Ames participará nun proxecto singular turístico sobre a Depresión Meridiana que promove a Deputación

Martes, 26 de abril de 2022

O vicepresidente e responsable provincial de Turismo, Xosé Regueira, anunciou esta mañá no Concello de Ames que a Deputación está iniciando a posta en marcha dun novo proxecto singular turístico ao redor da Depresión Meridiana. Esta proposta, que involucra a varios concellos da provincia, foi o principal punto de traballo da xuntanza mantida esta mañá entre Xosé Regueira e o alcalde de Ames, Blas García, e na que tamén participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, o tenente de alcalde de Ames, David Santomil, e o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, entre outros concelleiros e concelleiras do goberno municipal.

“Este novo proxecto parte dun accidente xeolóxico único e que serviu para configurar territorio, para configurar cultura e para configurar paisaxe e a partir do que queremos deseñar nos vindeiros anos produtos turísticos de calidade que sexan positivos a poboación xeral, para a poboación residente, para os sectores económicos e tamén para o turismo” asegurou Xosé Regueira tras a xuntanza. Pola súa banda o alcalde, Blas García asegurou que “se trata dunha moi boa oportunidade para poñer en valor esta singularidade do noso territorio” e amosou a súa disposición para poñelo en marcha.

Na xuntanza desta mañá tomouse a decisión de crear dúas mesas de traballo, unha conformada por responsables políticos dos concellos involucrados -Carballo, Val do Dubra, Ames e Padrón- e outra de perfil técnico. Ademais tamén se apuntou a posibilidade de acadar a colaboración da Xunta e da Deputación de Pontevedra e converter o proxecto nunha iniciativa de carácter galego, posto que tamén afecta aos concellos de Pontecesures, Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela, Porriño e Tui.

Nova área de autocaravanas en Bertamiráns
Outro punto de interese na xuntanza foi a nova área de autocaravanas que se habilitará en Bertamiráns, no lugar de As Pateiras, e que será financiada polo departamento provincial de Turismo. Trátase dunha nova área que dará servizo a unha vintena de autocaravanas e que se espera que estea operativa este verán.

Neste punto, Blas García indicou que “a creación da nova zona de autocaravanas permítenos trasladar a que temos agora en Bertamiráns e que ten dificultades de acceso”. Tamén asegurou que, grazas á axuda da Deputación “teremos dúas áreas, xunto coa do Milladoiro, e poderemos dar servizo aos Camiños que pasan polo noso concello, nunha aposta clara pola promoción do turismo, e sobre todo do turismo de interior e ecolóxico.”
 
Xosé Regueira tamén salientou a importancia do Concello de Ames “como un dos epicentros” do Camiño de Santiago e que “como tal tamén soporta situacións a nivel turístico que precisan ser atendidas”. “A área de autocaravanas de Bertamiráns vaille servir á Deputación para avanzar nun problema que é froito da pandemia, que é a expansión do turismo de autocaravanas” asegurou, e engadiu que “esta será a primeira que financiamos desde Turismo da Deputación e tamén nos vai servir como proxecto piloto para crear unha rede provincial de áreas de autocaravanas”.

Financiamento do proxecto
O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, explica que “o Concello de Ames leva dende o ano 2004 apostando polo turismo de autocaravanas, de feito fomos o segundo concello galego en crear unha área destas características, despois de Tui, e fomos no ano 2019 o primeiro concello galego en contar con dúas áreas de autocaravanas. Aínda así unha delas, a de Bertamiráns, é escasa, polo que decidimos crear una nova área nesta localidade, xa que este tipo de turismo está en auxe”.

Deste xeito, a Deputación da Coruña colabora no financiamento das obras de creación da área de autocaravanas en Bertamiráns que conta cun orzamento de 50.982,26 euros. O importe que achega a Deputación é do 80% (40.785,81 euros) e a achega municipal será do 20% (10.196,45 euros).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Turismo por la depresión meridiana y área de autocaravanas en As Pateiras"

AMSGO!: "Deputación e Concello promoven un proxecto singular turístico sobre a Depresión Meridiana"

Enfoques: "Ames participará en un proyecto turístico sobre la Depresión Meridiana"

Visita á parcela onde se construirá a nova área de autocaravanas de Bertamiráns

Multimedia

  • Visita á parcela onde se construirá a nova área de autocaravanas de Bertamiráns
  • Visita á parcela onde se construirá a nova área de autocaravanas de Bertamiráns
  • Imaxe da xuntanza mantida no salón de plenos
  • Imaxe da xuntanza mantida no salón de plenos
  • Imaxe da xuntanza mantida no salón de plenos