- Tematica
A Concellaría de Cultura de Ames retoma unha vez máis as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, desta volta co filme “Jacinto”, que foi nominado en once categorías nos XX Premios Mestre Mateo. A película conta a historia de Jacinto, un adulto con mentalidade infantil ao que lle cambia a vida a chegada de dúas novas veciñas á súa aldea. Trátase da última das proxeccións deste circuíto, e será o mércores 30 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“Jacinto” está protagonizada por Pedro Brandariz, que interpreta a un neno duns nove anos atrapado no corpo dun home de case cincuenta. Jacinto vive en Mallou, unha pequena aldea abandonada entre as montañas, coa única compañía dos seus pais e da súa mascota.
Todo este pequeno mundo cambia coa chegada dunha nova parella de veciñas: Alex e Ana, dúas artistas suecas que buscan un lugar tranquilo e sen distraccións onde poder gravar o novo disco da súa banda. Jacinto comeza a sospeitar que as novas habitantes de Mallou son vampiras que planean rematar coa súa familia para controlar a aldea. Para impedilo, elabora un plan, aplicando todo o aprendido vendo películas de terror.
O filme está dirixido por Javi Camino e producido por Vizuals Lab, e foi candidata a once das categorías dos XX Premios Mestre Mateo: mellor longametraxe, mellor dirección, mellor dirección de arte, mellor dirección de produción, mellor guión, mellores interpretacións masculinas de reparto e protagonista, mellor maquillaxe e perruquería, mellor montaxe, mellor música orixinal e mellor vestiario.
A proxección terá lugar o mércores 30 de novembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas. Para asistir é necesario retirar convites de balde, que xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Ciclo Mestre Mateo
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, é un dos cinco municipios da provincia da Coruña que forman parte do circuíto de cinema Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa conxunta da Academia Galega do Audiovisual e das catro Deputacións para achegar os proxectos cinematográficos máis destacados de Galicia aos concellos e vilas, aos que habitualmente non chegan as producións que participan nestes premios. Neste senso, o Ciclo Mestre Mateo colabora tamén coa Secretaría Xeral de Emigración para levar proxeccións ás comunidades galegas do exterior.
“Jacinto” é a última das proxeccións que terá lugar en Ames. En total, e ao longo do 2022, presentáronse outras sete producións finalistas nas categorías de mellor documental e mellor longametraxe desta edición dos Premios Mestre Mateo. Deste xeito, os documentais que xa se proxectaron a través deste ciclo son “A poeta analfabeta”, “A virxe roxa”, “O gran camiño” e “Welcome to ma maison”, ademais das películas “Cuñados”, “Malencolía” e “Tres”.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "'Jacinto' pecha o Ciclo Mestre Mateo en Ames"