Solapas principales

Ames programa actividades de animación de rúa e conciliación para favorecer as compras no comercio local

Jueves, 02 de julio de 2020

Animación de rúa e propostas para a rapazada que axuden a conciliar o tempo das compras da familia son os eixos sobre os que se desenvolverán as actividades que a Concellaría de Promoción Económica ten previsto realizar o venres e o sábado en Milladoiro e en Bertamiráns. Obradoiros de bolas e decoración de bandeirolas nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro, bicicletas e coches a pedais na praza de Manuel Murguía e no parque de Chavián, e batucada coa "Percudería" no mercado de Bertamiráns compoñen o programa de actividades.

A Casa de Cultura do Milladoiro acollerá mañá venres, 3 de xullo, entre as 11:00 e as 14:00 horas un Obradoiro de Bolas e de decoración de bandeirolas no que poderán participar nenos e nenas de 6 a 12 anos. A mesma actividade, no mesmo horario e para o mesmo público, desenvolverase o sábado 4 de xullo na Casa de Cultura de Bertamiráns. A rapazada poderá participar destes xogos entre unha e tres horas.

O obxectivo é que os papás e as mamás realicen con tranquilidade as compras no comercio local, sabendo que os seus rapaces e rapazas están ben atendidos e divertíndose. As familias deberán deixar os seus datos e o seu número de teléfono por se fixera falta chamalos no tempo no que os seus fillos e fillas estean participando da actividade. A organización do evento pedirá tamén a papás e mamás que definan o horario no que os seus nenos e nenas participarán da actividade para, dese xeito, poder organizar as quendas. Disponse de 14 prazas que se organizarán en dous grupos. Dada a limitación de prazas, as familias terán que preguntar ao chegar por se xa estivesen cubertas.

Por outra banda, o sábado 4 de xullo, en horario de 11:00 a 13:00 na praza de Manuel Murguía do Milladoiro e de 17:00 a 19:00 no parque de Chavián en Bertamiráns, a rapazada de entre seis e dezaseis anos poderá gozar de coches a pedais e bicicletas. Ademais, entre as 17:00 e as 18:00 horas, o grupo "A Percudería", animará coa súa batucada o mercado de Bertamiráns.

"O comercio está atravesando unha gran crise e esa crise nótase aínda máis no pequeno comercio, no comercio de proximidade" manifesta a concelleira de Promoción Económica Ana Paz quen engade que "O obxectivo que nos propoñemos con estas actividades é o de é dinamizar o comercio local a través de actividades que favorezan que a rapazada se divirta e estea atendida mentres os pais e as nais fan as compras tranquilamente. Tamén queremos darlle vida as rúas a través da música e doutras actividades. Pensamos que deste xeito a todos e a todas nos pode apetecer máis saír.

Esta previsto que actividades semellantes se repitan durante os meses de xullo e agosto co obxectivo de favorecer o desenvolvemento económico da vila e de procurar a reactivación do comercio local.

 

Mercado de rúa