Solapas principales

Ames Radio abre unha nova convocatoria de Radio Cidadá

Lunes, 19 de octubre de 2020

Ames Radio pon un ano máis os seus micrófonos a disposición da cidadanía para a elaboración de programas de radio. Calquera persoa, asociación ou entidade pode presentar os seus proxectos desde hoxe e até o día 30 de outubro enviando a ficha de solicitude ao correo electrónico a radio@concellodeames.gal. Esta tempada, por mor da situación sanitaria que estamos padecendo, e aínda que nos proxectos poderán participar até cinco persoas, só poderán acudir á emisora dúas por programa, será obrigatorio o uso de máscara nas instalacións e o mantemento da distancia de seguridade. A emisora municipal pola súa banda garante as condicións hixiénico sanitarias nos procesos de gravación.

Poderán presentar propostas para a grella de Radio Cidadá asociacións e entidades do concello e calquera persoa maior de 18 anos ou de 16, neste último caso baixo a responsabilidade de algún dos seus proxenitores ou titores. Aceptaranse proxectos  presentados por entidades, asociación ou persoas non empadroadas no concello sempre que as súas propostas resulten de interese para o municipio amesán ou estean protagonizadas por persoas residentes, nadas ou que traballen en Ames. Cada proxecto deberá ser presentado por unha persoa coordinadora que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade.  

Os interesados e interesadas deberán cubrir un modelo de solicitude indicando o título, obxectivos e descrición do programa, temas e público ao que vai dirixido, periodicidade, duración e día e hora de emisión suxerido. Ames Radio pon a disposición da veciñanza o seu espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas seleccionados nos días e horas que se determinen. A emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, aínda que se procurará respectar no posible as propostas de emisión das persoas ou entidades propoñentes.

Medidas de seguridade
Nos proxectos poderán participar até un máximo de cinco persoas. Porén, nesta ocasión e por mor da pandemia da COVID19 só poderán estar presentes nas instalacións da emisora para a gravación do programa dúas persoas de cada vez, sempre usando a máscara e respectando a distancia de seguridade. Ademais, as/os participantes non poderán acudir á emisora no caso de que detecten sintomatoloxía compatible coa enfermidade (febre superior a 37,5 graos, tose seca, dificultade respiratoria, fatiga severa, dor muscular, falta de olfacto, falta de gusto e diarrea) en calquera membro da unidade familiar ou de convivencia á que pertenza.

Pola súa banda, a emisora municipal garante para o desenvolvemento da actividade a limpeza de todas as superficies e instrumentos cos que se poida entrar en contacto, a distancia de seguridade fixada polas autoridades nun metro e medio e a desinfección de mandos e micrófonos tanto no momento de entrega como no de recepción.  

A concelleira de Comunicación, Natividade González anima á veciñanza a presentar as súas propostas: “Este ano máis que nunca animo a cidadanía a participar deste magnífico proxecto, unha proposta creativa e singular pois son poucos os medio de comunicación desta índole que abren os seus micrófonos á participación da cidadanía”. “Estamos moi orgullosos, engade Natividade, e podemos gabarnos de que a nosa grella enriquécese amplamente con estas achegas”.

O proxecto de Radio Cidadá comezou a súa andaina no ano 2017. Desde entón materializáronse a través desta convocatoria máis de trinta propostas de distintas temáticas, dirixidas a variados segmentos de poboación. Programas sobre literatura, historia local, distintos xéneros de música, relixión, humor, ecoloxía ou educación compuxeron a grella de Radio Cidadá ao tempo que enriqueceron  a programación global da emisora. Programas como “Tangos de la esquina Sur”, “Vivirnos nun mundo finito”, “De Museo”, “Miradas” ou Pais na onda” levan emitíndose desde o principio do proxecto.

Ames Radio acredita  a participación e o servizo das persoas colaboradoras coa radio municipal mediante un diploma. Para calquera dúbida os interesados/as poden poñerse en contacto con Ames Radio a través do correo electrónico radio@concellodeames.gal ou o teléfono 981 890 452.

Convocatoria Radio Cidadá 2020