[28-01-2019] Logo dun breve paréntese por mor das festas de Nadal, a radio municipal retoma esta semana a emisión dos programas radiofónicos realizados pola veciñanza. Así, neste primeiro trimestre de 2019, serán catorce os proxectos que formarán parte da grella radiofónica de Ames Radio. Os programas, que serán unha continuación dos previamente emitidos ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro, abordarán temas tan diversos como a educación das fillas e fillos, a divulgación de coñecementos científicos, culturais e musicais, a maternidade ou a actividade empresarial de Ames.
A primeira das emisións desta semana será o martes, 29 de xaneiro. As e os ouvintes da radio municipal poderán escoitar, a partir das 19:00 horas, o programa O protocolo é para todos, con Margarita Murillo. De seguido, ás 19:30 horas, volven as Ondas Novas con Eladio Gómez. O mércores será a quenda para o programa do Parque empresarial Novo Milladoiro, conducido por Salomé Blanco, ás 11:00 horas. Pola tarde dobre cita con Palabras que refrescan, ás 19:00 horas e Los tuyos, los míos y los nuestros, ás 19:30 horas. Xa pola noite, ás 21:30 horas, volve Con-Ciencia, un espazo de crecemento persoal, psicoloxía e sexualidade.
Os xoves teremos a oportunidade de tomar Un café coa túa matrona, ás 18:00 horas, ou gozar da música, a historia e as personaxes máis coñecidas do tango, ás 19:00 horas, en Tangos de la esquina sur. Ademais, o programa Miradas tamén se emitirá os xoves, neste caso, ás 21:30 horas para abordar, como xa o veu facendo ao longo destes meses, diferentes técnicas de desenvolvemento persoal, coa finalidade de favorecer o equilibro e o benestar a través de entrevistas e experiencias con profesionais locais.
Os venres, ás 18:30 horas, emitirase A arte como factor integrador, o programa da Asociación Galega de Arte E Cultura. Ás 19:00 será a quenda de Pais na onda, o espazo no que as nais e os pais poderán resolver as súas dúbidas en relación á crianzas das fillas e fillos. Ás 19:30 horas, Javier Rocamora achegaranos ao mundo da ciencia co espazo Amaltea e, xa pola noite, ás 21:30 horas, poderemos escoitar Que me estás a contar?!, o programa sobre a Biblia realizado polo Centro Cristiano do Milladoiro e Bertamiráns.
Programas semanais e quincenais
Os programas Vivirmos nun mundo finito; Los tuyos, Los míos, Los nuestros; Tangos de la esquina sur; Miradas; Pais na onda; e Amaltea emítense de xeito semanal, mentres que o resto de programas (Parque empresarial Milladoiro; O protocolo é para todos; Ondas Novas; Palabras que refrescan; Con-ciencia; Un café coa túa matrona; A arte como factor; e Que me estar a contar?!) son quincenais.
Por motivos de axenda, o programa Vivirmos nun mundo finito comezará as súas emisións o luns 11 de febreiro, a partir das 19:30 horas. Asemade, e por diferentes motivos, os programas De museo e E ti de quén ves sendo?, cáense da grella de programación de Ames Radio neste primeiro trimestre de 2019. Na sección de avisos da web municipal podes consultar, semanalmente, todas as emisións e remisións dos diferentes programas da radio municipal e os espazos realizados pola cidadanía.
Contido relacionado
Programación de Ames Radio na semana do 28 de xaneiro ao 3 de febreiro