Solapas principales

Ames Radio segue ao carón da veciñanza amesá a través da súa nova canle de Facebook

Martes, 07 de abril de 2020

A radio municipal de Ames embarcouse nunha nova aventura para seguir en contacto coa veciñanza amesá nestas circunstancias especiais. A través da súa nova páxina de Facebook, a radio municipal seguirá dando voz ás veciñas e veciños, proporcionando ademais información de servizo nestes tempos de confinamento nos fogares. Para todas aquelas persoas que desexen participar neste novo proxecto contando as súas historias, poden poñerse en contacto a través do teléfono 662 377 413 e o enderezo electrónico radio@concellodeames.gal

Ames Radio segue estando presente nos fogares da veciñanza amesá a través da súa nova canle de Facebook. A programación arrancou onte, 6 de abril, coa primeira entrega da Fiestra de Nazaret López. Un espazo no que a xornalista amesá adianta os contidos que se poderán desfrutar durante o día. Concretamente a canle foi inaugurada onte ás 13.30 h cun mensaxe do alcalde Ames, José Miñones, falando das medidas que se levaron a cabo por parte do goberno municipal nesta alerta sanitaria.

Pero tamén houbo tempo para a cultura, cunha sesión de contacontos de Divina Fernández, animadora á lectura da Biblioteca Municipal de Ames. Divina recitou “Os ratos da casa” de edicións Kalandraka, un dos moitos libros que contan todos os luns, mércores e venres, ás 18.00 h na páxina de Facebook da biblioteca. O obxectivo, facer máis amenos estes días aos máis pequenos da casa e incentivar hábitos de lectura.

Xa ás 17.00 horas, a bailarina e veciña de Ortoño, Lucía Rial Lucachesky, relatou como volveu de Guatemala, onde se encontraba traballando como cooperante cando comezou esta pandemia. Ademais, Lucía fixo un chamamento para que nestes tempos difíciles, non nos esquezamos de quen máis o necesita.

A nova canle de Radio Ames seguirá contando historias este xoves e venres

A programación da nova canle da radio municipal de Ames emitirase de luns a venres. Desta maneira, este xoves e venres de Semana Santa, Radio Ames non parará de contar historias, co fin de entreter á veciñanza nestes días un tanto atípicos.

Hoxe, martes 7 de abril, contouse coa presenza na radio de Natividade González, concelleira de Comunicación e Cultura, falando da importancia da comunicación a través das redes sociais nestes momentos de illamento. Ademais, Diego Villaverde, veciño de Ames residente en Alemania, relataranos como está vivindo esta crise sanitaria mundial no país xermánico a partir das 17.00 h.

Rematando o día, un novo espazo cultural da man de Antonio Sanjiao Domínguez, presidente da Asociación Cultural Os Castros, acompañado da súa familia. Ás 20.00 horas, abriranos a súa ventá para acompañar con música galega aos aplausos dirixidos a quen nos coida nestes días difíciles.

E recorda, se che apetece participar neste novo proxecto, non dubides en contactar coa radio a través do teléfono 662 377 413 ou o enderezo electrónico radio@concellodeames.gal.

Ames Radio