- Tematica
O Concello de Ames vén de recibir a boa nova de que a candidatura presentada foi merecedora da renovación da distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación”. A ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, trasladoulle a boa nova ao alcalde de Ames, Blas García, este pasado martes 23 de xullo. O Concello de Ames recibiu dita distinción en abril de 2019 dentro da convocatoria correspondente ao ano 2018, grazas á presentación do proxecto Inno@mes. Deste xeito, Ames é un dos 90 Concellos que conforman a Red Innpulso e dos 6 de toda Galicia con Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Riveira.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca “a importancia de renovar a distinción de Ciudad de la Ciencia y la Innovación e que Ames siga pertencendo á Red Innpulso, porque para os Concellos que apostan pola innovación, dita Red significa unha canle de comunicación e colaboración con outros concellos de Galicia e do resto de España”.
Ademais, puxo en valor que “o parque empresarial do Milladoiro é un polo tecnolóxico e innovador non só no noso concello, senón tamén en Galicia e España, polo que temos que seguir poñendo en valor o talento e a capacidade das empresas amesás. Estamos estudando a posibilidade de crear unha xuntanza anual co sector tecnolóxico e audiovisual do municipio para impulsar novos proxectos e iniciativas”.
A ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, destaca “estou convencida de que a vosa participación na Red Innpulso é un valioso activo e que, grazas á incorporación da ciencia e a innovación no día a día do concello, lograremos mellorar a sustentabilidade, reducir a desigualdade e, en definitiva, mellorar a vida de todos os veciños e as veciñas de Ames”.
Proxectos sobre a innovación
O Concello de Ames organiza anualmente diferentes proxectos que se enmarcan dentro da Red Innpulso como son a xornada de innovación “InnovAmes”. No pasado mes de xaneiro celebrouse a terceira edición desta xornada de innovación dirixida a empresas de Ames e ao alumnado dos centros de ensino de Ames. No InnovAmes estiveron presentes grandes referentes da innovación que conviven no propio concello. A finalidade deste evento foi poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas, e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames.
Ademais, con motivo da conmemoración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, do 20 ao 23 de febreiro, realizouse o Roteiro Maker, a través do cal unha furgoneta que organiza obradoiros itinerantes gratuítos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, visitou os colexios de Agro do Muíño, A Maía, Barouta e Ventín. Nesta iniciativa participaron arredor de 400 alumnos e alumnas de educación infantil e primaria. Con esta iniciativa o Concello de Ames deu a coñecer a figura das mulleres en diversas áreas científicas.
Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación
A renovación da citada distinción permítelle ao Concello de Ames seguir mantendo a condición de membro da Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Impulso), feito que sen dúbida favorece a actividade que xa vén desenvolvendo de maneira importante no campo da investigación e do desenvolvemento da innovación. Ademais, serve para optar a novos investimentos, organizar foros sectoriais, e eventos de referencia en innovación. Deste xeito, Ames continúa formando parte da prestixiosa Red Innpulso.
Esta distinción premia a aquelas cidades que realizan un importante esforzo para potenciar as infraestruturas innovadoras científicas, tecnolóxicas e sociais, o que permite despexar o camiño cara un cambio de modelo económico. Esta distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación” supón un incentivo máis para as cidades líderes que promoven investimentos en infraestruturas que redunden na sustentabilidade económica e melloren o patrón de crecemento baseado no coñecemento e a innovación.
Os recoñecementos concédense atendendo a tres categorías, dependendo do número de habitantes; así, outórganse distincións para municipios de ata 20.000 habitantes; de 20.001 a 100.000; e de máis de 100.000 habitantes.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames renueva el reconocimiento como Ciudad de la Ciencia y la Innovación"
El Correo Gallego: "Ames fija la inauguración de la humanización de Milladoiro y del mercado de Bertamiráns para 2027 como Ciudad de la Ciencia"