- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a resolución de alegacións e a aprobación da liquidación final do contrato de obras do centro multifuncional de ocio, cultura e promoción económica do Milladoiro, asinado entre a Corporación local e a empresa Citanias Obras y Servicios SL, na pasada sesión ordinaria do 8 de agosto de 2024. A causa desta resolución é o incumprimento tanto dos prazos parciais como do prazo final do contrato, pois este establecía a fin de execución da obra o 8 de xaneiro de 2024.
A obra tiña un prazo de execución de once meses que, tras unha suspensión das mesmas durante dous meses e dez días, foi ampliado, establecendo o 8 de xaneiro de 2024 como data final para a execución do proxecto. Porén o Concello, na Xunta de Goberno Local do 23 de maio, acordou resolver o contrato por causa imputable á empresa contratista polo incumprimento tanto dos prazos parciais como do prazo final do contrato. Unha vez emitidos os informes pertinentes e presentadas as alegacións oportunas por parte da empresa, a dirección de obra emitiu a finais do mes pasado un certificado de liquidación do contrato por valor de 227.792, 59 euros. O volume de obra executada é do 39,73 %, polo que está pendente de executar o 60,27%.
O alcalde, Blas García, explicou que “nas próximas semanas” o proxecto do centro multifuncional volverá a saír a licitación e anunciou accións contra a construtora Citanias: “o Concello de Ames tomará as medidas que considere oportunas para defender os intereses da veciñanza ante o agravio que supuxo todo este proceso”.
A Xunta de Goberno Local adxudicou en outubro de 2022 o proxecto de construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro á empresa Citanias Obras y Servicios SL por un importe de 1.305.453,52 euros. Esta actuación estaba cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames.
Aval do Consello Consultivo
A Xunta de Goberno aprobou o xoves, 23 de maio, a resolución do contrato para a execución das obras de construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, e desestimou as alegacións presentadas o 28 de febreiro de 2024. Esta decisión foi avalada pola Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, que por unanimidade dos seus membros informou de xeito favorable a proposta de resolución de dito contrato.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames da por concluido el contrato de obra del multifuncional de O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Ames echa por tierra las alegaciones de la adjudicataria y rescinde el contrato del multifuncional para Milladoiro"