- Tematica
O Concello de Ames participa no circuíto Ciclo Mestre Mateo, un proxecto impulsado pola Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións para achegar o máis destacado do cinema galego a concellos e vilas. Dende este mes ata novembro, a veciñanza poderá ver nos auditorios amesáns as oito películas nominadas nas categorías de mellor longametraxe e mellor documental. Neste senso, o filme candidato a mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, “O gran camiño”, será proxectado este 30 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Ames é un dos cinco concellos da provincia da Coruña que forman parte do circuíto de cinema Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa conxunta da Academia Galega do Audiovisual e das catro deputacións para achegar os proxectos cinematográficos máis destacados de Galicia aos concellos e as vilas, aos que habitualmente non chegan as producións que participan nestes premios. Neste senso, o Ciclo Mestre Mateo colabora tamén coa Secretaría Xeral de Emigración para levar proxeccións ás comunidades galegas do exterior.
O Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu está mañá a presentación do ciclo, á que acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Cultura, Natividade González; o deputado de cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e a técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez. “Ames é cine e así o demostran os numerosos ciclos que vimos celebrando nos últimos anos”, destacou Natividade González, que recordou a boa acollida coa que contaron outras propostas, como o festival Cinema Miúdo, o Abril de Cine ou o ciclo de documentais do pasado mes de novembro.
En total, e ao longo do 2022, o Ciclo Mestre Mateo presentará oito producións finalistas nas categorías de mellor documental e mellor longametraxe desta edición dos Premios Mestre Mateo, que se irán desvelando a principios de cada mes. Deste xeito, as películas que se poderán ver en Ames serán os documentais “A poeta analfabeta”, “A virxe roxa”, “O gran camiño” e “Welcome to ma maison”, ademais das películas “Cuñados”, “Jacinto”, “Malencolía” e “Tres”.
Neste senso, a concelleira de Cultura gabou a calidade e o traballo que se está a realizar no audiovisual galego. “Achegar o audiovisual á veciñanza de Ames é achegala á nosa cultura, feita na nosa terra e polos nosos, á vez que promovemos o consumo dos nosos produtos. A gran calidade de filmes e documentais que existen no noso país evidencian a realidade do gran talento galego. Agora toca sumar esforzos, o talento e o investimento, xa que os logros e os éxitos veñen de cimentar unhas bases sólidas para que o audiovisual galego siga sendo un referente”.
Na mesma liña pronunciouse o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto. “O audiovisual galego está nun gran momento porque o merece, porque se traballa moitísimo e porque ten unha calidade extraordinaria. Demos este paso para que non só nas cidades se coñezan os filmes finalistas, senón que tamén en vilas de máis de quince mil habitantes. Ames aquí non podía faltar, porque ademais ten unha proposta audiovisual ao longo do ano moi interesante”.
Pola súa banda, a técnica de Cultura, María Vázquez, adiantou algúns dos detalles das futuras proxeccións, que se repartirán mensualmente ata novembro. “Despois da gala do pasado sábado, todas as proxeccións no resto dos concellos terán lugar nos seguintes sábado, pero aquí en Ames, pola nosa idiosincrasia e porque os anteriores programas de cinema funcionaron moi ben, decidimos manter os mércores. Para manter a intriga, a comezos de cada mes desvelaremos o título, así que animamos á veciñanza a estar atenta”.
Para pechar o acto, o alcalde de Ames, Blas García, incidiu no peso do sector audiovisual no concello amesán. “Se hai un concello en Galicia que estea vinculado ao audiovisual é Ames. Temos produtoras, estudos de son, coloristas, temos actores e actrices que viven aquí, directores e directoras afincadas aquí. A importancia que ten o noso concello no audiovisual é moi grande e por iso este Goberno aposta por traballar con eles e apoialos no que sexa necesario. Ames é un concello ao que lle gusta moito o cine, e por iso é bo volver a dar esa facilidade para volver ao cine, moito mellor aínda se é en galego”.
“O gran camiño”, este mércores 30 en Bertamiráns
“O gran camiño” é un documental narrado en primeira persoa por Alba Prol Cid e Raúl García, directores, produtores e guionistas do proxecto. Para realizar o filme, os dous cineastas decidiron emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas pedestres do mundo.
O Pacific Crest Trail dos EUA, o Camiño Inca ao Machu Picchu, a ruta xaponesa ancestral Kumano Kodo ou o Camiño de Santiago. Todas estas andainas serven para achegarse á xente dos camiños, cos que se tratan temas universais como as fronteiras, o amor, os conflitos sociais, a espiritualidade ou o coidado do noso planeta.
“O gran camiño”, será proxectado este 30 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Estarán presentes na proxección os directores, produtores e guionistas, Alba Prol Cid e Raúl García, que impartirán un breve coloquio durante a sesión.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Proxectan os mellores documentais e filmes a concurso nos Mestre Mateo"
Enfoques: "Ames proyectará las cintas nominadas a mejor largometraje y documental en los Mestre Mateo"
Lindeiros: "Ames súmase ao Ciclo Cinematográfico Mestre Mateo"