O aparcamento da Telleira acollerá os días 20, 21 e 22 de novembro o "Ames Drive Cinema", un autocine similar aos americanos dos anos 50 e 60 nos que o público ollaba as películas desde os seus propios vehículos. Nas sesións do sábado 21 pasaranse filmes que convidan á reflexión sobre as condutas machistas e o papel que a muller ocupa na sociedade, incluíndose estas proxeccións nas actividades que abeiran a conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero en Ames. Haberá sesións de tarde para público infantil e de noite para público adulto. Na presentación do evento estiveron presentes o alcalde de Ames, José Miñones, as concelleiras de Benestar Social e Promoción Económica, Luisa Feijoó e Ana Belén Paz, e Ezequiel Mosquera, o representante de EMESPORTS, a empresa que se encargará do soporte técnico do evento. O autocine será de balde. Porén, é preciso rexistrarse de antemán na plataforma de EMESPORTS.
Durante tres días Ames volverase “vintaxe” para emular o glamour e a extravagancia da América dos anos 50 e 60. O autocine, “Ames Drive Cinema”, instalarase no aparcadoiro da Telleira e contará coa luminosidade e a extravagancia das portas de acceso, o persoal de acomodo que dará información e facilitará o estacionamento a cada vehículo, un punto de rexistro onde se entregará a información relativa á emisora a seleccionar para escoitar a película, unha pantalla xigante, nesta ocasión de led, e ambientación entre pase e pase. O recinto estará perimetrado e os espazos para acoller a cada un dos vehículos numerados. Haberá carrís de entrada e saída e separación entre postos. En cada vehículo só poderán estar persoas conviventes.
O venres 20 de novembro proxectaranse as películas "O que arde" de Oliver Laxe en sesión de tarde e "Bohemian Rapsody", a historia do grupo Queen e do seu cantante Fredery Mercury, en sesión de noite. Para o sábado, 21, as sesións estarán orientadas a Igualdade e a violencia de xénero; na sesión infantil da tarde proxectarase “Brave", a historia da empoderada guerreira Mérida que rompe con algúns dos ancestrais costumes machistas do seu pobo, e "Los hombres que no amaban a las mujeres", baseada no primeiro libro da trioloxía "Millenium" do escritor sueco Stieg Larsson, un filme que evidencia do xeito máis cru as condutas de violencia machista. Con Maléfica, a historia dunha bela fada protectora do seu reino até que unha traición endurece o seu corazón, e “Mientras dure la guerra”, o film de Amenabar que narra os días nos que Miguel de Unamuno foi destituído do seu cargo de rector na Universidade de Salamanca rematarán as sesións de autocine. O venres e o sábado, as películas proxectaranse as 18:00 e as 20:30. O domingo a proxección da sesión infantil adiántase ás 17:30, mentres que a de adultos mantense ás 20:00.
Na rolda de prensa de presentación do evento, estiveron presentes o alcalde de Ames, José Miñones que animou á cidadanía a “atreverse a desfrutar do cinema e da cultura a través do “Ames Drive Cinema”, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz que lembrou que a actividade “forma partde do plan de reactivación económico social do concello de Ames” e adiantou que proximamente se anunciarían máis medidas.
Historias para espertar conciencias
Coincidindo coa semana na que se conmemora o 25N, Día Internacional contra a violencia machista, a xornada do sábado do “Ames Drive Cinema”, inclúe dúas películas que concitan á reflexión e o debate sobre o papel da muller e as condutas machistas imperantes na sociedade: “Brave” e “Milenium”. Para a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo: “E importante que nos momentos en que nos encontramos e cas restricións ás que estamos sometidos e sometidas, intentar reinventarnos e ofrecer alternativas de ocio seguras á veciñanza, sempre cumprindo con todas as medidas ditadas por Sanidade, e sin esquecernos de ninguén, e para iso que mellor que trasladarnos a un mítico autocine americano dos anos 60 e con títulos que nos permitan desfrutar e reflexionar en familia sobre cuestións como o papel da muller na sociedade, a normalización das condutas machistas ou os novos valores de empoderamento feminino”.
Tamén acudiu á presentación do “Ames Drive Cinema”, Ezequiel Mosquera, EMESPORTS. representante da empresa que se encargará da cobertura técnica do eventoMosquera falou sobre a posta en escena que envolverá o “Ames Drive Cinema”: “Gústanos facer unha posta en escena espectacular con moita luz e glamour; non se trata só de proxectar unha película, senón de vivir toda unha experiencia”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Seis sesiones de autocine gratuito en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Autocine gratuito en Ames con perspectiva de género y filme infantil del 20 al 22"
Compostela24 horas: "Ames trasládase aos anos 50 cun mítico Autocine"
Lindeiros: "Ames súmase á moda dos auto cines"